AliciaG

Es supersticioso? 12+1 cousas que podes facer nos 36 segundos das badaladas para que o 2018 sexa o ano da túa vida

0

36 segundos. Ese é o tempo que teremos o domingo para despedir o 2017 e recibir ao 2018, o que transcorrerá entre a primeira e a décimo segunda badalada, unha cada tres segundos. Menos dun minuto, en todo caso, para atraer a boa sorte e espantar a mala. Como facelo? Hai una lista interminable de rituais, algúns  sorprendentes. Claro que para facelos todos precisarías hora e media en vez do minuto escaso que vas ter. Así que toca elixir. Ou intentar facelo todos a un tempo, iso si, con serio risco para a túa integridade.

  • O clásico é comer todas as uvas (imprescindible que non quede ningunha) intercalando entre cada unha delas un desexo. É importante que teñas en conta que entre badalada e badalada so terás 3 segundos para comer cada uva e cavilar o desexo, así que sería convinte telos decididos previamente.
  • Se  tomas as uvas á pata coxa sobre o pé esquerdo e tras a última uva botas ao chan o dereito, entrarás no novo con bo pé.
  • Podes perfeccionar o resultado se ademais de comer todas as uvas á pata coxa sobre o pé esquerdo e intercalando un desexo entre cada unha, o fas subido a unha cadeira. Así aseguraraste un 2018 de ascensos.
  •  Ricemos o rizo. Pon tamén algunha peza de roupa do revés e nada máis soar a última badalada dálle a volta para poñela do dereito. Facéndoo así, atraerás a boa sorte.
  • Queres máis certeza? Non hai problema, podes ensaiar o seguinte: mentres comes as uvas e pensas un desexo entre cada badalada, estando á pata coxa sobre unha cadeira e con algunha peza de roupa ao revés, leva posto tamén algo vermello, cor que che achegará prosperidade e paixón. Matarás así varios paxaros dun só tiro.
  • Hai cores para todo. Se ademais queres tranquilidade proba a poñerche tamén algo azul. E se queres abundancia, mellor amarelo. Algo verde se queres saúde e  laranxa para atraer a intelixencia. Parecerás o arco da vella, pero a quen lle importa si se cumpren os seus desexos?
  • Se o que queres é fortuna material, entón terás que meter no zapato do pé esquerdo unha moeda e nun peto o billete máis grande que teñas na casa.
  • Para maior garantía debes levar no outro peto un puñado de lentellas e, nada máis soe a última badalada, botar man delas e lanzalas ao aire. Terás así asegurada toda a fortuna que desexas.

(Fagamos agora unha paradiña para un consello: é conveniente que durante a cea bebas con moderación, pois precisarás as túas facultades a pleno rendemento para facelo todo á vez sen esnafrarte. Recapitulemos:  terás que estar á pata coxa sobre o pé esquerdo, cunha moeda dentro do zapato e enriba dunha cadeira mentres cunha man tomas as uvas e coa outra suxeitas o recipiente en que agardan a ser comidas. Recipiente que terás que soltar xusto despois da última badalada para que che de tempo de botar man das lentellas que gardas nun dos teus petos e lanzalas ao aire para, deseguido, deixarte caer da cadeira (ollo!) apoiando primeiro o pe dereito, para entrar no novo ano con bo pé. Todos isto coa mente ocupada en pensar un desexo detrás de cada uva e antes de engulir a seguinte).

  • Pero coidado, porque o ritual non remata aquí: unha vez xa cos dous pés no chan,  para completalo debes botar man do billete gardado no peto contrario ao das lentellas e saír correndo cara ao balcón para ensinarllo á Lúa, que en agradecemento por lembrarte dela agraciarache con moitos billetes iguais ao que lle acabas de amosar.
  • Se  aínda non caíches de fociños,  podes facer algo máis.  Por exemplo: despois de amosarlle o billete á Lúa,  volve correndo á mesa a colle un vaso de auga e baléirao sobre a rúa. Coa auga marcharán todas as malas enerxías.
  • E se o que queres é quedar preñada, entón substitúe o vaso de auga por outro de leite e simplemente bébeo de golpe tras a derradeira badalada.
  • E, xa por último, para rematar: mete as mans nunha pota de auga con azucre e lávaas a continuación con champaña.  Se chegas a este punto, algo pouco probable por unha cuestión de tempo, entón xa podes brindar polo novo ano agardando que sexa o mellor da túa vida.
  • Esquecíame: se o que queres é casar, o que tes que facer é deixar caer un anel de ouro na copa de champaña antes de brindar.

En #AliciaG non temos libro de reclamacións, pero que saibas que che desexamos o mellor para o próximo ano… con rituais ou sen eles.

Feliz 2018!

E logo, qué pensas?