AliciaG

Ribadeo é o terceiro destino de praia con mellor reputación de España

0

Internet e as redes sociais descubriron definitivamente un dos segredos mellor gardados de Galicia: a máxica tranquilidade e beleza da mariña lucense, e máis concretamente da costa de Ribadeo; as augas tirando a cálidas (o máis cálido que se pode topar en Galicia); as ondas feitas á medida para a práctica do surf; a gastronomía, as paisaxes sen case transición entre a montaña e o mar, as praias museos salpicadas de esculturas esculpidas por séculos de erosión… Efectivamente, tamén a praia das Catedrais, pero non só. Nin moito menos.

Pois a todos os indescritibles encantos desta parte de Galicia,  súmase agora a valoración altamente positiva que os viaxeiros fan dos seus hoteis e aloxamentos.

E así, o que durante anos foi un segredo gardado celosamente por habitantes e visitantes, transmitido so de boca a orella, en confianza e sempre ca advertencia de que “non llo digas a ninguén”,  é hoxe unha cantilena que percorre viralmente o país a lombos de ordenadores, tabletas e teléfonos móbiles.

E así, pouco a pouco, Ribadeo afiánzase entres os destinos de praia con mellor reputación de España. De feito, é o único galego que aparece entre os dez primeiros da lista que anualmente elabora o buscador Trivago, repetindo este ano a terceira posición que xa obtivera o ano pasado e recortando distancias con relación aos primeiros da lista, que son a praia de Muro, en Mallorca, e Hondarribia, en Guipúscoa.

Sanxenxo, Portonovo e O Grove ocupan as posición 11, 12 e 13, respectivamente. Xunto con Ribadeo, son os únicos destinos galegos que aparecen na listaxe.

A clasificación elabórase a partir da análise das opinións dos usuarios de Trivago. O estudo realizouse sobre os 80 destinos máis buscados polos viaxeiros.

A imaxe destacada deste artigo está sacada da páxina web do concello de Ribadeo.

Este é a lista tal e como a publicou Trivago.

 

E logo, qué pensas?