AliciaG

Así viviron #ONosoDerbi os galegos de Madrid, Barcelona ou Londres

0

O pasado domingo celebrouse o partido que paraliza a Galicia enteira. O Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña xogaban máis que tres puntos no partido celebrado no campo dos primeiros. Orgullo, dignidade e revancha son conceptos que van sempre ligados a este partido.

Pero non só en Galicia se reúnen centos de galegos diante do televisor para contemplar #ONosoDerbi (etiqueta coa que se segue o partido nas diferentes redes sociais), senón tamén alén das fronteiras do noso país. Madrid, Barcelona ou Londres son algúns dos sitios onde emigrantes galegos se xuntaron para compartir unha xornada de lecer e exaltación da amizade.

En Madrid, máis de 40 galegos, tanto celtistas como deportivistas, argallaron unha xuntanza no restaurante Furancho para ver aos dous equipos pelexar pola victoria. Desde o primeiro minuto mascábase a tensión no ambiente, cos clásicos cánticos e piques entre os seareiros de ambos equipos. Piques sans, iso si, como demostran estas fotos colgadas polo xornalista Iago Davila en Twitter e no posterior xantar que todos xuntos compartiron.

Tamén en Londres o London Celtas reuniuse no seu bar de sempre para seguir o partido, con algún que outro infiltrado coruñés polo medio. Seguro que estes gozaron máis que os deportivistas cos goles de Orellana, Hugo Mallo e Iago Aspas por partida dobre.

"#Onosoderbi na diaspora londinense!! 👏🏼👏🏼#ForzaCelta #LondonCeltas"

Foto de los integranes do London Celtas seguindo o derbi na capital británica.

Barcelona foi outra das cidades en que os seareiros de ambos equipos se xuntaron na cidade para ver o derbi. O Barquiño, un bar galego do Raval, foi unha das localizacións onde se seguiu o partido con expectación. Todo rematou cun churrasco. Seguro que os celtistas gozaron do lindo co gol de Iago Aspas de penalti, que volvía a poñer aos de Vigo por diante nun partido que rematou 4 a 1 para os locais.

Haberá agora que agardar á fin de semana do 19 de marzo para que ambos equipos se volvan enfrontar, desta vez no estadio coruñés de Riazor. Seguro que de novo os emigrantes galegos aproveitarán a ocasión para xuntarse e combatir a morriña. Porque ao final diso se trata.

 

E logo, qué pensas?