AliciaG

Ourense: ese “plan perfecto” que arrasa entre os turistas

0

A Concellería de Turismo de Ourense lanzou fai tres semanas unha nova campaña de promoción turística orientada especialmente cara o público do resto de España: Ourense, un plan perfecto. A campaña contaba cun anuncio en vídeo para a súa difusión a través de Internet, ademais de accións publicitarias en Madrid, León, Ponferrada e outras cidades galegas.

Os responsables de Turismo do Concello están moi ledos coa repercusión alcanzada polo mesmo: un millón de reproducións a través das diferentes plataformas, segundo os seus datos, así como un aumento de máis de 70.000 novos usuarios da páxina web http://turismodeourense.gal/

Pero non só no mundo virtual a campaña foi un éxito. Tamén nas oficinas de Turismo da cidade se incrementaron as visitas a raíz da campaña publicitaria. Segundo datos facilitados polo Concello, durante o período de duración da promoción (do 27 de outubro ao 9 de novembro), 794 persoas foron atendidas en ditas dependencias, das que 135 procedían do resto de Galicia, outras 556 do resto de España e 103 de países estranxeiros.

A maior presencia de turistas na cidade das Burgas tamén se notou na ocupación hoteleira: até un 92% de ocupación alcanzaron as hospedaxes da capital provincial durante esta época, e iso pese a atoparnos en temporada baixa.

Estas cifras reflexan o bo momento que atravesa Ourense no relativo ao Turismo, e non é para menos. A Capital Termal ofrece todo o que un viaxeiro pode necesitar: boa gastronomía, cultura, boas instalacións hoteleiras, un patrimonio histórico sen igual é, como non, as termas, que converten a esta cidade nun lugar único para relaxarse e gozar.

 

 

 

E logo, qué pensas?