AliciaG

Un cura ourensán triunfa na tele e nas redes pero cabrea ao bispado

0

Jonatan Pousada é sacerdote na vila ourensá de Castrelo de Miño, pero non é a súa única profesión. Tamén se dedica á asesoría financeira, é viticultor e distribuidor de viños e de vez en cando fai de albanel. Os camiños do Señor son inescrutables.

O cura tamén ten afección polos animais, e posúe un can de nome Milú, como o coñecido compañeiro de aventuras de Tintín, o personaxe de banda deseñada. O can, coma el, é torto, algo que espertou a tenrura do cura desde o primeiro momento. E como a lei de Deus só se aplica sobre o sacerdote e non sobre a súa mascota, Jonatan participou no reality Amores Perros, da cadea de televisión privada Cuatro, para buscarlle parella a Milú.

Milú conseguiu parella, unha cadela de nome Schacha pertencente a Nerea. Incluso houbo un momento para a confusión cando Nerea, descoñecedora da condición de sacerdote de Jonatan, pensou que este tamén estaba a intentar ligar. Nada máis lonxe da realidade: o cura non atopou o amor, pero si o enfado do bispado e dalgúns veciños.

A súa participación non foi por vontade propia: foi a produtora, que buscaba un cura con can, quen se puxo en contacto con el. O cura non o dubidou e participou, pensando que se trataría do “típico programa de animais dos sábados ou domingos pola mañá”, según as súas propias declaracións a diferentes medios.

Nada máis lonxe da realidade: o programa levantou feridas no seo do bispado, que se mostrou molesto coa participación dun cura da súa diocese. Pero non foron os únicos, o propio sacerdote mostrouse descontento co resultado final, que definiu como “algo groseiro”. Algúns veciños e fregueses tamén se atopan molestos, e o sacerdote enténdeo. “Con isto váiseme todo ao garete”.

De seguro que o sacerdote, unha persoa extrovertida, próxima e simpática, consegue gañarse de novo o favor dos seus fregueses e con eles o do bispado, e todo isto quedará nunha anécdota graciosa que todo Castrelo de Miño recordará entre risas.

Ao final, resultou que o cura molón acabou recibindo un coscorrón por parte do bispado. Iso si, o vídeo da súa participación no programa de televisión acabou converténdose en viral, por moito que lle pesara ao bispo de Ourene.

O vídeo que encabeza esta información é o que máis enfadou o bispado de Ourense, pois ata o cura aparece celebrando unha misa, ou simulándoo.

 

 

E logo, qué pensas?