AliciaG

As Cíes buscan apoios en todo o país e América Latina para ser Patrimonio da Humanidade (vídeos)

0

As illas Cíes queren ser máis. Coñecidas, recoñecidas e admiradas dentro e fóra de España, especialmente nas illas Británicas, optarán agora á máxima distinción da UNESCO: Patrimonio da Humanidade. Ao longo deste ano comezará unha longa travesía que pode prolongarse por espazo de 4 anos, o tempo medio deste tipo de tramitacións. Pero non importa, neste caso o importante e o fin: o recoñecemento mundial e a protección dunha das principais e máis valiosas xoias ambientais de Galicia, o paraíso das Cíes.

O que está claro xa de partida é que non lle faltarán apoios. De feito, dende o verán xa circula polas redes algún vídeo que pide precisamente a súa  declaración de Patrimonio da Humanidade. Neste tempo acumulou preto de 150.000, antes incluso de que o proxecto iniciase a súa andadura. Agora terá que ser o Concello de Vigo quen llo traslade á Xunta de Galicia e a partir de aí principiará a longa travesía.

O vídeo en cuestión é pura imaxe sen máis son que unha suave música de fondo e, sobre todo, os propios das illas: ondas e gaivotas. En apenas dous minutos de duración, o traballo, gravado cun dron, amosa toda a beleza das xa famosas illas.

Pero non é o único vídeo lanzado para promocionar a inclusión das Cíes entre os grandes patrimonios da humanidade. Na recente feira de turismo Fitur, o Concello de Vigo presentou un novo (e espectacular) reportaxe das illas, neste caso en castelán para a súa difusión por todo o país e América Latina co obxectivo de acadar apoios tanto dentro coma fora de cara a desexada declaración.

De pouco máis de 6 minutos de duración, neste vídeo detállase a riqueza natural das Cíes cunha voz en off que de xeito sumamente didáctico percorre as illas a través de imaxes que che deixarán coa boca aberta. Ante tan rotundos argumentos, as Cíes camiñan con paso firme para converterse máis pronto que tarde Patrimonio da Humanidade.

A continuación, o vídeo que circula polas redes dende o verán para promover as Cíes como Patrimonio da Humanidade.

E logo, qué pensas?