AliciaG

5, 4, 3, 2,1… Empeza a conta atrás para o Entroido máis longo de Europa e case do mundo: o de Xinzo

0

5, 4, 3, 2, 1… A conta atrás está en marcha. Rematará o sábado, día 20, cando o Pertardazo anuncie o inicio do Entroido máis longo de Europa, pero tamén un dos máis longos do mundo. Este ano o Entroido de Xinzo durará exactamente 30 días, os que van desde este próximo sábado o ata o 18 febreiro, cando se celebrará o Domingo de Piñata, última fin de semana dun ciclo tan extenso que parece mentira que ano tras ano pase coma un sopro.

Arranca precisamente esta fin de semana co Petardazo do día 20 para a continuación, ao día seguinte, entrar xa en fariña, e nunca mellor dito, co Fareleiro, o 21. Ese domingo é o único día do ano no que a vila limiá acaba sempre cuberta dun espectacular manto branco faga o tempo que faga, neve, chova ou quente o sol. Despois virán o Domingo Oleiro (28 de xaneiro), Corredoiro (3-4 de febreiro), Entroido (9-13 de febreiro), o Enterro da Sardiña (14 de febreiro) e por último o Domingo de Piñata (18 de febreiro).

Para facernos unha idea da intensidade coa que se vive o Entroido en Xinzo e da súa amplitude basta con comparalo con outros carnavais famosos:

  • Entroido de Xinzo: 30 días.
  • Carnaval de Río de Janeiro: 8 días.
  • Venecia: 8 días.
  • Nothing Hill: 2 días (é en agosto).
  • Salvador de Baía: 6 días.
  • Vieraggio (Italia): 28 días.
  • As Palmas: 21 días.
  • Putigmano (Italia): 17 días.
  • Nova Orleáns: 1 día.
  • Santa Cruz de Tenerife: 11 días.
  • Praga: 11 días.
  • Lucerna (Suíza): 5 días.
  • Sitges (Cataluña): 6 días.
  • Sao Paulo: 7 días.
  • Goa (India): 3 días.
  • Barranquilla (Colombia): 3 días.
  • Niza: 21 días.

En realidade, só existe un no mundo que dura máis que o Entroido de Xinzo, que é o de Montevideo, no Uruguai. Comezará uns días despois, o 25 de xaneiro, e non rematará ata o mes de marzo. A súa duración oscila entre os 35 e os 41 días, dependendo do ano. Despois deste, non hai outro máis longo que o Entroido limiá, cuxa singularidade non está precisamente na súa duración, senón no sentimento co que un pobo enteiro, desde o primeiro ao último cidadán, sexa cal sexa a súa idade, vive esta festa e venera a súa principal figura: a Pantalla. Porque o Entroido de Xinzo é sobre todo iso, un sentimento.

Foto de José Manuel Dobarro Gómez, publicada no perfil de Facebook do Entroido de Xinzo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?