AliciaG

Cinco cancións protesta galegas que fan 50 anos e que é unha delicia escoitar (audios no interior)

0

Existiu en Galicia a canción protesta? Pois claro que si. E para probalo, aquí traemos una selección de cinco temas que fixeron historia, que escoitarías moitas veces, incluso os cantarías, pero que sobre todo merece a pena coñecer e conservar. Os comentarios que acompañan as cancións son da ourensá Sheila Fernández Conde, autora dunha tese sobre a canción protesta galega. As 5 cancións seleccionadas teñen en común que todas eles foron publicadas no ano 1968 e que, polo tanto, fan agora 50 anos. Esta é a pequena homenaxe de AliciaG as cancións e aos seus autores, ademais dun regalo para quen estea disposto a perder uns minutos escoitándoas. En moitos casos, seguro que por primeira vez. En outros, seguro que por primeira vez despois de moitos anos.

1. Guillermo Rojo, ‘A vós, irmáns’, publicada en 1968 no Lp Guillermo, por Edigsa (Galaxia).

2. Miro Casabella. ‘Ti, Galiza’, publicada en 1968, no LP Miro canta as súas cancións, Edigsa (Xistral).

3. Xabier González Del Valle. ‘Longa Noite de Pedra’, publicada en 1968, no Lp  Xavier, Edigsa (Xistral)

4. Xerardo Moscoso. ‘Requiem II’, publicada en 1968,no Lp Xerardo Moscoso, Edigsa (Xistral).

5. Vicente Araguas. ‘Poema Triste’, publicada en 1968, no Lp Vicente, Edigsa (Xistral).

Guillermo Rojo. ‘A vós, irmáns’: “A peculiaridade da canción protesta galega é que é quen de presentarse como fonte de coñecemento histórico da realidade galega nas décadas en que está vixente. Neste caso, Guillermo Rojo presenta unha canción, nun ton conciliador, dun dos grandes temas deste contexto: a Guerra civil e os seus efectos, e a necesidade de superar os rancores”.

Miro Casabella. ‘Tí, Galiza’: “Unha das cancións en que mellor se pode apreciar a reivindicación que se fai de Galicia como suxeito colectivo facendo referencia ós distintos agravios nos que se veu envolvida coas políticas do réxime”.

Xabier González Del Valle. ‘Longa Noite de Pedra’: “Xavier é un dos grandes musicadores dunha figura fundamental tanto para a canción protesta como para a cultura galega en xeral, Celso Emilio Ferreiro. Poesía e canción conforman unha dualidade de reciprocidade na cal a música se ve beneficiada de textos de gran calidade, e a poesía consegue chegar, socialmente, a público que doutra maneira sería moi complexo, entendo os anos ditatoriais en que se teñen que desenvolver as relacións culturais”.

Xerardo Moscoso. ‘Réquiem II’“A canción protesta galega ten un forte compoñente local, fundamentalmente porque a íntima relación que a emparella co contexto no que xurde fai que sexa Galicia a destinataria da practicamente totalidade das reivindicacións. Sen embargo, aparecen pequenos exemplos que verifican a solidariedade e preocupación polos acontecementos mundiais que estoupan na sociedade dos sesenta. Un exemplo é esta canción de Xerardo con referencias a Martin Luther King e os problemas do racismo”.

Vicente Araguas. ‘Poema Triste’: “Vicente, o cantautor amplamente coñecido polo seu tema “O Camaleón” é a quen debemos a primeira canción intimista do repertorio da canción protesta galega. Canción que se ve envolvida nun mar de criticas por aqueles que opinan que a canción protesta debe ter un papel de intervención directa nos problemas sociais, esquecendo un pouco esa parte íntima da existencia social. Pasados os primeiros anos de experiencia da canción protesta, e no seu propio rebulir interno, chega nos setenta a introducir este tipo de canción no seu repertorio”.

 

E logo, qué pensas?