AliciaG

Sabías que os Reis Magos eran catro… pero un perdeuse

0

Por terra, mar e aire. Así chegarán mañá os Reis Magos ás casas galegas, cargados de paquetes sobre os seus camelos. Segundo o cálculo feito por AliciaG, serán exactamente 3.375 camelos os necesarios para cargar os agasallo dos 2.700.000 galegos que somos, a unha media dun regalo de medio quilo de peso para cada galego e 400 quilos en cada camelo, que é máis ou menos o que pode cargar cada un.

Un ano máis, entrarán en dura competencia con Papá Noel, ese tipo gordo e agarimoso que data do século XIX, debe a súa actual imaxe á Coca-Cola  e que durante os últimos anos non deixa de comerlle terreo aos magos de oriente pese aos seus 2.000 anos de existencia.

En realidade, os Reis Magos son practicamente os únicos que se lle teñen resistido, pois antes xa puido con outro personaxes propios do Nadal como o Apalpador (apalpabarrigas ou pandegueiro)  galego, un pastor xigante que lle regalaba castañas aos nenos, especialmente das montañas de Lugo e Ourense; o Angeleru asturiano, o Esteru cántabro, o Olentzero vasco e navarro ou o Tió de Nadal catalán.

Pero vaiamos con algunhas curiosidades sobre os Reis Magos:

  1. Tres? Pois vai ser que non. Ao igual que había un quinto Beatle, ou que os Tres Mosqueteiros eran en realidade catro, tamén hai un cuarto rei mago. Chamábase Artabán e, ao parecer, seguiu á estrela equivocada e cando chegou a Belén xa non quedaba alí ninguén.
  2. O certo é que na Biblia non se di cantos eran nin tampouco o seu nome, nin as súas idades ou se eran efectivamente reis. Tan que eran  magos de Oriente. Segundo as tradicións antigas poderían ser ata unha ducia, dos que un sería o rei e os once restantes os príncipes. No século, V, foi un Papa León quen definiu que foran tres.
  3.  Ata case 500 anos despois do nacemento de Xesús, os tres Reis Magos non se empezan a coñecer polo seus nomes de pía: Melchor, Gaspar e Baltasar.
  4. Como pola aquela había tres razas coñecidas, se lle asigna unha a cada un deles: así Melchor era europeo, Gaspar asiático, ambos de pel branca,  e Baltasar árabe, de pel morena que acabaría sendo negra.
  5. Tampouco existían nun principio referencia ás súas idades, que non quedaron establecidas ata o século XV: Melchor,  60 anos; Gaspar, 40, e Baltasar 20.
  6. Os tres acudiron xuntos a Belén guiados por unha estrela e agasallaron o pequeno Xesús de Nazaret, pero non só con ouro, incenso e mirra. Melchor, o rei persa, ademais de ouro levaba muselina, púrpura e liño; Gaspar, rei indio,  acompañou o incenso con especias, nardo, canela e cimamono, e Baltasar, rei árabe, ademais de mirra,  levaba o seu camelo cargado de prata, zafiros e perlas.
  7. Ao parecer, os tres Reis Magos morreron martirizados cara ao ano 70 da nosa era.  Os seus restos estiveron durante 300 anos en Bizancio, agora Istambul, e logo foron trasladados a Milán ata o ano 1162, repousando agora na catedral de Colonia, no interior dun relicario de ouro, prata e madeira que tardou 45 anos en ser labrado e que pesa 350 quilos.
  8. Aínda que dende o século V os Reis Magos xa está definidos, non é ata o século XIX cando empezan a levarlles agasallos aos nenos de forma xeneralizada.
  9. O costume de deixar zapatos para que os reis deixen os regalos procede de Holanda. 
  10. A primeira cabalgata, ou representación, dos Reis Magos en España tivo lugar o 5 de xaneiro de 1855 en Barcelona.

E logo, qué pensas?