AliciaG

Oito trucos para que a resaca non che arruíne ningún día destas festas

0

Cervexa, viño… máis viño, licores, copas… máis copas… Si, son días de alegría, bicos, apertas, risas e emocións, pero tamén de excesos. Moitos excesos que apenas tardamos unhas cantas horas en pagar cunha moeda de curso internacional: a resaca… ou caña, chuchaqui, cruda, goma, ratón, ressaca ou hangover, dependendo de en que parte do mundo nos atopemos. Chame como se chame, os síntomas, pola contra, son comúns en todo o planeta; e tamén os remedios, que os hai. A continuación repasamos algúns deses trucos, que non fan milagres pero axudan a soportar o que o dicionario da Real Academia Galega define como: “Malestar que se produce ao día seguinte dunha borracheira”.

Acabas de amañecer con náuseas, vómito, dor de cabeza, sede, cansazo. Feito un farrapo, vamos. Pois nada, ímoslle poñer remedio ou polo menos a aliviar os  síntomas de pasarnos moito a noite anterior. Evidentemente, non se trata de aplicar todas as recomendacións, pero si escoller entre as que mellor se nos adapten.

  • O primeiro é hidratarse, porque por moito que bebeses o que realmente che faltan agora son líquidos. Así que substituiremos o viño e os licores que nos trouxeron ata onde estamos por auga, zumes e infusións, a poder ser de xenxibre, menta ou tomiño. Os zumes, preferiblemente, de limón, que axudará o fígado a depurarse. Un bloody mary (zume de tomate con vodka) tamén axuda, pero sen vodka evidentemente. O tomate combate a hipoglicemia e axuda a hidratarnos.
  • Unha ducha sentaranos fantasticamente ben, pero sobre todo se a rematamos cun minuto de auga fría. Así activaremos a circulación.
  • É posible que non teñamos demasiada fame. Ou ningunha. Pero o noso corpo agradecerá un bo almorzo, por exemplo uns ovos fritidos con touciño acompañando os zumes e líquidos. Si, si, tal cal. Os ovos conteñen cisteina, que axuda a eliminar o aldehido, unha substancia que acumulamos cando nos pasamos bebendo, e o touciño é rico en aminoácidos, que tamén nos veñen de marabilla para aliviar a sensación de resaca.
  •  Tampouco nos sentarán nada mal un par de culleradas de mel, rico en potasio e frutosa, dos que andaremos baixísimos despois da inxesta, nin tampouco o chocolate negro, que elevará o nivel de azucre no corpo, eliminará toxinas e facilitará a dixestión do alcol. E claro, se de repoñer potasio se trata, non podemos esquecernos dos plátanos. Aquí os expertos aconsellan tomar un plátano nada máis espertar ou ben beber un vaso de auga quente mesturada coa súa casca.
  • Algo de exercicio, que en principio nos custará unha barbaridade, tamén nos axudará. Sen pasarse. Cunha camiñada de media hora pode ser suficiente para que nos atopemos mellor, pois estaremos eliminando o licor da noite anterior.
  • E chegará a hora de comer. E debemos comer, aínda que non teñamos moitas ganas e cunha soa condición: evitar as graxas. Por exemplo, sentaranos de marabilla un atún a prancha, acompañado de espárragos ou/e col. Por que? Pois porque o atún é rico en alfacetoglutarato, unha enzima vasodilatadora que proporciona osíxeno e elimina toxinas; os espárragos porque non só combaten os síntomas da resaca, senón que protexen ademais as células do fígado, e a col porque o seu ácido fólico axudará aos glóbulos vermellos a funcionar como reloxos. E por suposto, calquera tipo de sopa suave, tipo consomé.
  • Una cabezadiña ou unha sesta en toda regra, o que nos pida o corpo, acelerará a recuperación, pois parte do malestar que sentimos ten que ver tamén coa falta de sono e, sobre todo, de descanso.
  • E xa, por último, dous remedios caseiros sen base científica algunha pero que hai quen di que funcionan: partir un limón en dúas metades e fregar cada unha en ambas axilas. Ou facer unha infusión de xenxibre, tomala e logo apertar a parte carnosa situada entre o polgar e o índice en ambas mans.

Ben, pois a probar e, sobre todo, a beber con moderación.

 

E logo, qué pensas?