AliciaG

O domingo irrompen as veneradas pantallas en Xinzo e mentres… outros dous momentazos

0

A estas horas, as pantallas velan as súas máscaras, roupas e vexigas para irromper no Entroido de Xinzo este domingo, o Corredoiro. Son a máxima autoridade, a que vela porque ninguén saia á rúa sen disfrazar e sanciona amigablemente a quen non o faga: ás mulleres, brincando e bailando diante delas; e aos homes, só se son amigos ou coñecidos, condenándoos a pagar unha rolda de viños na tasca máis próxima.

Pero antes de que se nos vote encima o Corredoiro, e aínda emocionados polo vídeo de Manuel no Domingo Oleiro, cando se levantou da súa cadeira de rodas para botarse a bailar (vai polas 6.000 visualizacións en youtube),  #AliciapuntoG trae hoxe outros dous do Entroido de Xinzo, que como xa sabemos é o mais longo do mundo, con cinco semanas seguidas de troula.

O primeiro é tamén un vídeo do pasado domingo, o  Oleiro, e recolle un espectacular cruzamento de olas (antes de que rompa unha delas) entre dous participantes no singular xogo, exclusivo deste Entroido. Pódese ver tamén algunha captura ao límite do valado que delimita a zona de xogo, na Praza Maior da capital limiá. En total, ao longo da mañá e da tarde do Domingo Oleiro rompéronse en Xinzo arredor de 300 olas feitas para a ocasión.

O segundo vídeo que amosamos corresponde ao primeiro domingo do ciclo do Entroido, o Fareleiro. Nunha praza completamente branca polo efecto da mestura entre farelo e fariña, xorde de súpeto unha cativa visiblemente sorprendida con todo o que ocorre ao seu arredor: vestida de vermello, rodeada de mozos e adultos branqueados e sen apenas nada de fariña encima. Iso si, só asombro, nin unha soa lágrima.

E como xa dixemos, este domingo, pasado mañá, será o Domingo Corredoiro,  o primeiro día no que salgan as veneradas pantallas, que máis que unha figura do Entroido de Xinzo son un profundo sentimento. AliciaG volverá a estar alí e traerá máis vídeos. Mellores non, porque é imposible.

E logo, qué pensas?