AliciaG

A alameda de Santiago esconde un abeto que Evita Perón plantou hai 70 anos na súa única visita a España

0

Nun recuncho do paseo da Ferradura da alameda de Santiago érguese frondosa unha árbore cargada de historia, como case todas, é certo, pero cunha singularidade: a desta é política na súa orixe. Neste ano fai 70 dende que foi plantada, en 1947. Daquela o abeto en cuestión, caucásico para máis sinais, levantaba medio metro. Hoxe supera os 22, ata converterse nun dos máis altos de recinto.

Pero vaiamos ao fondo. Este abeto é posiblemente hoxe a única pegada que quede en Galicia da visita que hai 70 anos fixo a España a muller arxentina máis famosa (talvez non a máis importante, pero dende logo si a máis popular) na historia da Arxentina: María Eva Duarte de Perón, máis coñecida como Eva Perón, pero “Evita” para todos, moi especialmente para os seus descamisados, como ela mesma gustaba chamar a clase obreira e máis humilde da Arxentina, da que ela mesma procedía. Casada con Juan Domingo Perón cando aínda era secretario de Estado, acabou sendo declarada oficialmente “xefa espiritual da nación”, o que da idea tanto da súa influencia no seu país como do recoñecemento por parte deste a súa figura.

Eva Perón, xa como primeira dama, foi recibida en España e polo tanto tamén en Santiago como xefa de Estado por orde de Franco e, sobre todo, polo trigo que traía baixo o brazo. Entre os actos que lle tiñan preparado, ademais do paseo nun automóbil convertible pola cidade entre gritos de “Evita, Evita”, estivo a plantación deste abeto caucásico, que dende entón e ata hoxe foi rebautizado como “A Perona” que non é nin máis nin menos que a pegada de Evita Perón en Galicia.

En tempos, unha placa recordaba a efeméride, pero foi arrincada. Hoxe, no pequeno panel que identifica a árbore como un abeto caucásico, figura tamén o nome co que é coñecida popularmente: “A Perona”. É a única referencia á esta singular historia, un tanto esquecida.

A visita recibiu grandes tratamentos por parte da prensa da época, que titulaba así: “Santiago, corazón de Galicia, tributa un grandioso recibimiento a la esposa del presidente argentino”. Ou tamén: “Toda la emoción gallega se volcó en las calles para dar la bienvenida a la gentil embajadora”.

Ademais de en Santiago, Eva Perón tamén estivo en Vigo, onde protagonizou un multitudinario acto no Berbés.

 

 

 

E logo, qué pensas?