AliciaG

A diferenza entre “un carallo dun médico” e “un médico caralludo” chega ao Xapón… 23 anos despois

0

Sabes cal é a diferencia entre que te vexa “un carallo dun médico” e que te mire “un médico caralludo”? Pois a mesma que existe entre estar satisfeito e estar visiblemente descontento coa atención recibida.

Estas e outras expresión foron recompiladas hai 23 anos pola enfermeira Ana María Pérez Muíño, unha galega nada na Coruña, criada en Asturias e que desenvolveu case toda a súa vida profesional en Galicia, no Complexo Hospitalario da Coruña. E 23 anos despois da súa primeira publicación fíxose viral, especialmente a través de grupos de WhastApp, chegando incluso ata O Xapón.

O artigo foi publicado en marzo de 1993 no número tres da revista As Xubias, elaborado por persoal do hospital, e recolle máis expresións sen tradución oficial coas que os pacientes do hospital daban, por exemplo, a medida da súa dor.
Teño, teño… : case nada.

Aínda non hai queixa…: dor xordo e continuo.

Vaime chegando…: próximo ao shock.

Carallo!: dor forte e aguda producida por algún axente agresivo.

Ou expresaban o seu grao de satisfacción co diagnóstico e tratamento (aínda que en realidade se estaban a referir a quen fixera o diagnóstico).

Viume un carallo dun médico: descontento.

Miroume un médico caralludo: moi bo.

Aínda me certou ben: curouno.

O artigo en cuestión, segundo explicaba no mesmo Ana María Pérez Mariño, pretendía axudar a todos os recentemente chegados ao hospital dende fóra de Galicia: “Trátase de dar unhas nocións básicas de aproximación á idiosincrasia galega para un mellor labor e para obter mellores resultados… Vai dirixido a profesionais forasteiros da saúde dos galegos, que se atopan no seu traballo diario con galegos a barullo… nas camas, nos ascensores, na rúa, na casa… e pouco lles entenden”.

Tras a publicación en As Xubias, o artigo tivo un segundo momento de gloria dous meses despois, o 2 de maio, cando La Voz de Galicia deulle eco a unha parte do mesmo nas súas páxinas de sociedade.

Pero non foi ata agora, case 23 anos despois, cando se fixo viral, especialmente a través de WhatsApp e nun primeiro momento entre grupos formados mayoritariamente por  sanitarios. Precisamente foi así como Alicia G recibiu o artigo, empezando entón a procura da súa autora, á que non foi difícil localizar a través do propio CHUAC.

Ana María Pérez foi a primeira sorprendida, máis tendo en conta de que o artigo foi escrito en 1993: “Non sei como nin porque, pero só dous días antes da miña xubilación (xaneiro de 2015) empezou a circular de novo”, explica. Dende entón recibiu incontables chamadas de xente á que lle chegou e que a coñecía a ela. Conta, por exemplo, que “a través dos amigos duns amigos decateime de que uns españois residentes no Xapón recibiran alí o artigo. É algo incrible”, afirma.

Artigo íntegro As Xubias

Artigo orixinal publicado na revista As Xubias, en marzo de 1993.

IMG-20151202-WA0000

Resumo do artigo publicado en La Voz de Galicia no mesmo ano e que agora, 23 anos despois, empezou a circular por WhatsApp.

2015-12-21 17.16.27

Ana María Pérez Muíño

E logo, qué pensas?