AliciaG

Galitzia: a outra Galicia dos vampíricos Cárpatos, con capital en Cracovia e Lviv e a cabalo de Polonia e Ucraína

0

Que é Galicia? Aquí sabémolo ben, claro: unha comunidade histórica que se constitúe en comunidade autónoma para acceder ao seu autogoberno, de conformidade coa Constitución española e o presente Estatuto. O territorio de Galicia é o abranguido polas as actuais provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. A lingua propia de Galicia é o galego. Así o reflicte o Estatuto de Autonomía, que é a nosa norma básica.

Agora ben, se nos desprazamos 3.500 quilómetros en coche cara ao leste e repetimos a pregunta, a resposta será ben distinta.

Que é Galicia… ou Galitzia? Alí tamén o saben ben: unha rexión viva na memoria recente dos seus habitantes, repartida entre Polonia e Ucraína e que deixou de existir oficialmente o 11 de novembro de 1918, cando Polonia recupera a súa independencia co Tratado de Versalles.

Pois si, existe no leste de Europa, nos míticos Cárpatos, na terra onde naceu Drácula, unha segunda Galicia, denominada tamén Galitzia. Unha terra tan verde coma esta, pero moito máis fría e sen mar, cun pasado convulso de guerras, invasións e represión; pobre pero cunha potencia cultural irresistible nas súas fermosas cidades.

A Galitizia dos Cárpatos, como tamén é coñecida, foi un reino do imperio austrohúngaro que hoxe ten miles de persoas emigradas por todo o mundo, moitos novelistas, intelectuais e, sobre todo, xudeus que fuxiron da súa terra tras a invasión nazi. Precisamente Galitzia acaba de ser traída a colación de novo por Almudena Grandes. Na súa última novela, Os pacientes do doutor García, sitúa nesta rexión dos Cárpatos a orixe dun congresista xudeu do Partido Demócrata que inicia dende Washington unha cruzada contra as rutas de fuxida de criminais de guerra nazis dende España, que funcionaban co apoio do franquismo. Despois de ter perfectamente documentada a rede, o informe acabou agochado nun caixón e nunca foi utilizado.

Hoxe Galitzia non existe oficialmente, pero o nome séguese usando por igual tanto en Polonia como en Ucraína. Ao igual que Galicia, tamén foi poboada polos celtas, pero a súa historia é moito máis turbulenta. Ao longo dela foi ocupada por Polonia,  Austria, UR.SS. e Alemaña, ademais de sufrir como poucos territorios as consecuencias do extermino xudeu por parte dos nazis. Tamén como Galicia e un país de emigrantes, especialmente a Estados Unidos, A Arxentina, O Uruguai e Australia. Moitos deles fixeron a maleta, como o personaxe da novela de Almudena Grandes, para salvar a súa vida e a da súa familia.

Galitzia, divida hoxe entre Polonia e Ucraína, ten dúas capitais: Cracovia na parte polaca e Lviv na ucraína. Ambas cidades, que teñen arredor de 800.000 habitantes cada unha, presumen de esconder a verdadeira alma dos seus países aínda que ningunha sexa capital. En todo caso son dúas das cidades máis fermosas de Europa e os principais focos de cultura de Polonia e Ucraína.

Foto: O mercado de Cracovia, capital da Galicia Polaca. Pixabay.

 

E logo, qué pensas?