AliciaG

A Ruta do Medievo: un sendeiro natural que nos leva á fin do mundo celta

O sendeirismo está de moda. E os camiños de peregrinación tamén. Son ben coñecidas as rutas que levan a Santiago de Compostela, que percorren practicamente toda a xeografía galega. Mais existe outro lugar que, polo seu santuario e pola súa paisaxe, é un destino de interese para un bo número de turistas, viaxeiros e autóctonos.

Falamos de Santo André de Teixido. Son varios os camiños tradicionais que levan ao lugar que era a fin do mundo para os celtas. Pero ademais, sumouse recentemente a chamada Ruta do Medievo, que parte de Betanzos e chega a Teixido.

É un sendeiro natural que segue o itinerario que facían os Andrade, señores feudais da zona, para cobrar tributos aos labregos. Son 95 quilómetros de percorrido, que se dividen en cinco etapas e que atravesan castelos que foron testemuño das revoltas Irmandiñas, mosteiros que se erguen no corazón das Fragas do Eume e paisaxes de costa espectaculares.

Este sendeiro natural atravesa dez concellos e foi recentemente sinalizada. Ao paso, os que o percorren, van deixando o casco histórico medieval de Betanzos, monumentos nacionais coma o mosteiro de Monfero,  o mosteiro de Caaveiro (A Capela), que leva once séculos vixiando a conca do río Eume; ou os castelos de San Sadurniño ou Moeche.

Ao final, Cedeira e Santo André de Teixido, coa Serra da Capelada na que atoparemos cabalos e vacas que viven en liberdade e miradoiros de vertixe! Imos de ruta?

cantis

E logo, qué pensas?