AliciaG

A vaga de calor deixou no centro das cidades galegas entre 3 e 5 graos máis ca nas súas contornas

0

Os centros da cidades galegas soportaron durante a pasada fin de semana temperaturas de entre 3 e 5  graos máis ca as periferias das mesmas ou ca o rural máis próximo. Sofren unha especie de cambio climático a escala local, de cidade, con repercusión directa na calidade ambiental, o confort e a saúde dos habitantes.

“O clima urbano -explica o Alberte Martí, do departamento de Xeografía da USC- é o resultado da interacción entre o clima rexional/local e toda unha serie de factores urbanos e antrópicos que contribúen a un cambio climático a escala de cidade“.

Este cambio climático do que fala o profesor Martí, ao igual que ocorre co que afecta ao planeta, é a consecuencia directa da acción do home, pero neste caso na súa propia cidade: asfalto, cemento, ladrillo, pedra (sobre todo pedra, como veremos máis adiante), eliminación da vexetación, coches, prazas, tráfico…

É tamén o fenómeno que se coñece co nome de “illa de calor”, que se xera no interior das cidades. “A cidade compórtase como un espazo máis quente que o entorno natural/rural, a modo illa de calor nunha contorna máis fresca ou fría”, engade Martí.

O propio Martí aporta como exemplo as medicións que el mesmo realizou o pasado luns, 18 de xullo, en Santiago de Compostela. “Mentres a estación meteorolóxica do campus de Meteogalicia (referencia para as temperaturas da cidade) rexistraba 21,6 graos a 1 da madrugada, a poboación do casco histórico e o ensanche estaba soportando unhas condicións de forte estrés por calor, con temperaturas 3º e 4º máis elevadas”. Esta diferenza mantívose durante toda a noite: “A temperatura do Campus foi descendendo ata alcanzar a mínima de 18,9º ás 06:00 horas, pero boa parte dos barrios do centro atoparíanse ao amencer aínda con temperaturas superiores aos 21º e 22º, claro exemplo de noite tropical con negativas repercusións no confort e na saúde”.

Nesta diapositiva elaborada polo profesor Martí aprécianse perfectamente as diferenzas de temperatura en Santiago a 1 da madrugada do domingo ao luns:

(Segue lendo despois da imaxe)

Una das claves para a maior intensidade deste efecto illa de calor en cidades como Ourense, Santiago ou Pontevedra é a abundancia de granito nas súas zonas históricas, tanto en edificios como no pavimento das rúas. “O granito atrapa o calor, podendo chegar aos 60º, e tarda en soltalo, emitíndoo lentamente durante toda a noite e mantendo un aire quente en rúas e prazas, como si fora un enorme radiador”, argumenta.

Aínda que non hai medicións durante esta última vaga de calor, Martí sostén que no resto de cidades galegas ocorreu algo similar ao que el mesmo mediu en Santiago. En cidades como Oursense, Vigo ou A Coruña cre que a diferenza entre o centro e a periferia das mesmas pudo elevarse incluso ata os 5 graos.

En todo caso, amósase seguro de que “entre o 16 e 18 de pasado, as condicións bioclimáticas e de confort térmico que sufriron os habitantes do resto de cidades galegas foron distintas nos sectores urbanos máis céntrico en comparación coas periferias. Durante os episodios de calor máis intenso, o centro das cidades pode permanecer durante toda a noite con valores superiores aos 22º ou 23º, o que provoca problemas de sono, descanso e saúde aos seus habitantes, mentres que os barrios máis alonxados gozan de noites máis frescas e suaves”.

Xa para rematar, Alberte Martí expón cales son as principais razóns polas que se producen as illas da calor ou, si se prefire, ese efecto cambio climático no centro das cidades:

  • A substitución das superficies cubertas por vexetación por outras compostas por asfalto, cemento, ladrillo ou pedra. Estes materiais teñen unha maior capacidade de absorción de enerxía e calor que transmiten ao aire da cidade facendo que esta teña temperaturas máis elevadas que na súa contorna durante todo o día pero especialmente pola noite e de madrugada.
  • Unha complexa armazón urbana composta por rúas e prazas de diferente anchura e orientación que atrapan a calor recibida durante o día e retéñena pola noite.
  • Unha rede de drenaxe que fai diminuír a humidade no interior das cidades e o consumo de calor por evapo-transpiración, co cal diminúen os procesos de arrefriado.
  • A calor antrópico xerado polo tráfico, as calefaccións, aires acondicionados ou a iluminación.
  • A maior cantidade de partículas e gases contaminantes sobre as cidades aumenta o efecto invernadoiro a escala local, o que contribúe tamén ao aumento das temperaturas.

Todo isto lévanos a conclusión de que durante episodios de calor intensa, “son os habitantes do sectores máis céntricos das cidades os que padecen un maior estrés térmico, que pode afectar á calidade do sono e, incluso, pode derivar en problemas de saúde polo estrés ao que se ve sometido o organismo”.

Por outra banda, dado que en algunhas cidades as estacións de referencia de Meteogalicia non se atopan precisamente no centro das mesmas, resulta tamén que en ocasións “os valores dos centros das cidades e das zonas máis densamente poboadas poden ser moderadamente máis elevados que os de referencia, que son os que se fan públicos, especialmente durante as noites e as madrugadas“.

Foto destacada: extraída da páxina web do Concello de Santiago, sección postais. Autor: Margen.

 

E logo, qué pensas?