AliciaG

‘Alcolitos’, o novo hit viral de Páramo Pictures

0

O grupo Páramo Pictures está arrasando unha vez máis na rede co seu novo hit titulado ‘Alcolitos’. Está xa dispoñible en youtube e non deixa de sumar reproducións. Non é estraño, pois estes lucenses captan coma ninguén os asuntos cotiáns do mundo rural galego, cunha gran dose de retranca.

Nesta ocasión, botan man do tema ‘Despacito’, de Luís Fonsi, e abordan un tema controvertido en Galicia. Falan das plantacións de eucaliptos, que teñen acaparada boa parte da masa forestal galega. Ao longo do tema, sucédense argumentos a favor e en contra  dos mesmos, baseándose nos argumentos que esgrimen defensores e detractores destas árbores, que teñen desprazado nalgúns lugares  ás especies autóctonas.

‘Alcolitos’ vai camiño de obter o éxito doutras versións realizadas por este grupo lucense, que xa alcanzou amplo seguimento con outras parodias anteriores. Porque os Páramo Pictures atoparon inspiración nalgúns dos artistas máis coñecidos do panorama internacional.

Non os lembras? Baseáronse en dous temas de Ricky Martin: ‘Vente Pa’Ca’, que adaptaron co título  ‘Vente empacar’ e ‘A Bertolina’, que é  a versión  galega da ‘Adrenalina’ deste artista. Tamén adaptaron o videoclip ‘Duele el corazón’, de Enrique Iglesias, co título ‘Préndeme o boi’; e o ‘Wrecking Ball’ de Miley Cyrus, do que fixeron unha versión máis enxebre titulada ‘Ferti Mon’.

Se aínda non os coñeces, ou queres recordar todos os temas, podes seguilos na canle de youtube de Páramo Pictures. Tamén, en anteriores artigos de AliciaG, podes atopar un repaso dos seus traballos máis destacados. Algúns, teñen superado o millón de reproducións. Todo un éxito neste mundo dixital!

E logo, qué pensas?