AliciaG

Alicia G garánteche o mellor ano da túa vida se fas isto… e deséxache feliz 2016

0

36 segundos. Ese é, segundo arriba segundo a baixo, o tempo que teremos mañá para despedir o 2015 e darlle, case xa no mesmo intre, a benvida ao 2016. É o  tempo que transcorrerá entre a primeira e a décimo segunda badalada, unha cada tres segundos. Menos dun minuto, en todo caso, para atraer a boa sorte e espantar a mala. Como facelo? Hai una lista interminable de rituais, algúns realmente sorprendentes, que che quero amosar. Claro que para facelos todos, precisarías hora e media en vez do minuto escaso que vas ter. Así que, toca elixir ou intentar o que che propoñemos a continuación:

  1. O ritual máis clásico é comer todas as uvas (imprescindible que non quede ningunha) intercalando entre cada unha de elas un desexo, que non pode ser de máis dos tres segundos que teremos entre badalada e badalada.
  2. Pero sexamos ambiciosos: se ademais as tomamos á pata coxa sobre o pé esquerdo e tras a última uva botamos ao chan o dereito, estaremos entrando no novo ano xusto co pe que, ao parecer, é o mellor para entrar no ano e ata para levantarse.
  3. Podemos perfeccionar o resultado se ademais de facer todo isto (comer todas as uvas á pata coxa sobre o pé esquerdo e pensando un desexo entre cada unha delas), o facemo subidos a unha cadeira. Así, ao parecer,  aseguraremos un 2016 de ascensos.
  4.  Ricemos o rizo. Ademais de todo o anterior, poñamos algunha peza de roupa do revés e nada máis soar a última badalada démoslle a volta para poñela do dereito. Facéndoo así,  atraeremos a boa sorte.
  5. E se resulta que non nos chega e queremos un ano aínda mellor? Non hai problema, tamén temos receta para iso:  Mentres comemos as uvas e pensamos un desexo entre cada badalada, estando á pata coxa sobre unha cadeira e con algunha peza de roupa ao revés,  deberiamos  levar posto algo vermello, unha cor que entre outras moitas cousas simboliza a prosperidade e a paixón. Mataremos así dous paxaros dun só tiro.
  6. Hai cores para todo. Se ademais queredes tranquilidade poñede algo azul. E se queredes abundancia, algo amarelo. Algo verde se queredes saúde e algo laranxa para atraer a intelixencia.
  7. E da pasta, que? Se o que queredes son cartos, entón tendes que meter no zapato do pé esquerdo, sobre o que estaredes á pata coxa, unha moeda en nun dos petos do voso pantalón o billete máis grande que teñades na casa.
  8. E para maior garantía deberedes levar no outro peto do mesmo pantalón un puñado de lentellas. E nada máis soe a última badalada, botar man delas e lanzalas ao aire. Teredes así toda a fortuna que desexades.
  9. Pero paremos un momento para un bo consello.  Se pensades chegar ata este punto, é conveniente que durante a cea bebades con moderación, pois precisaredes todas as vosas facultades. Especialmente cando cheguedes  ao punto no que teñades que estar á pata coxa sobre o pé esquerdo, cunha moeda dentro do zapato e enriba dunha cadeira mentres cunha man tomades as uvas e coa outra suxeitades o recipiente, que teredes que soltar inmediatamente tras a última badalada para botar man das lentellas que gardades nun dos petos e lanzalas xusto nese intre ao aire e a continuación deixarvos caer da cadeira co pe dereito, empezando así o ano con bo pé.
  10. Pero o ritual non remata aquí: unha vez xa cos dous pés no chan,  debedes botar man do billete gardado no peto contrario ao que estaban as lentellas e saír correndo cara ao balcón para ensinarllo á lúa, que en agradecemento por lembrarvos dela, agraciaravos con moitos billetes iguais ao que lle acabades de amosar.
  11. Se non vos esnafrastes aínda,  podedes facer algún ritual máis de reforzo, por se fallasen os anteriores.  Por exemplo: despois de amosarlle o billete á Lúa,  volvede correndo á mesa a collede o vaso que teriades que encher de auga dende antes da primeira badalada e baleirádeo sobre a rúa. Coa auga marcharán tamén  todas as malas enerxías.
  12. Se o que queredes é algo máis concreto, como quedar preñadas, entón substituíde o vaso de auga por outro de leite e simplemente bebédeo de golpe tras a última badalada.
  13. E xa por último, para rematar: metede as mans nunha pota de auga con azucre e lavádeas a continuación con champaña.  Se chegades a este punto, algo pouco probable, entón xa podedes brindar polo novo ano (por cuestión de hixiene é recomendable que fagades cun champaña distinto ao que utilizastes para lavar as mans). Iso si, é conveniente que na copa deixedes caer un anel de ouro. Para que? Pois xa non me acordo, pero seguro que para algo bo.

Resumindo: se tomades as uvas enriba dunha cadeira, á pata coxa sobre a perna esquerda, cunha moeda no zapato dese mesmo pé, pensando un desexo entre cada badalada, cun puñado de lentellas nun peto e o billete máis grandes que teñades na casa no outro; se cando rematen as badaladas botades man das lentellas e as lanzades ao aire, ao tempo que saltades da cadeira para caer ao chan co pe dereito; sacades o billete do outro peto e saídes correndo cara ao balcón para amosarllo a Lúa, volvedes á mesa e logo, de novo, ao balcón para baleirar sobre a rúa un vaso de auga con toda a mala enerxía dentro, e despois  ides á neveira e bebedes un vaso de leite, mergullades as mans en auga con azucre e as lavades con champaña e a continuación brindades cunha copa cun anel de ouro dentro… Se facedes todo isto en 36 segundos, Alica G garántevos o mellor ano das vosas vidas.  E se non é así, será porque algo fixestes mal.

Je, je, je

20151230_182151 (1)

Posición recomendada por Alicia G para recibir o novo ano, con todo o preciso sobre a mesa.

Feliz ano a tod@s.

E logo, qué pensas?