AliciaG

Allariz, seleccionado como un dos pobos máis bonitos de España

Algo ten Allariz que a case toda a xente lle gusta. É habitual atopar a este concello ourensán entre os lugares destacados para visitar na provincia, ou incluso en rankings nos que se buscan os pobos máis bonitos de Galicia, de España ou máis alá.

Xa o ano pasado, estivo presente nunha lista do dixital 20 minutos postulándose coma un dos lugares con máis encanto de Galicia, acadando unha sexta posición, e acostuma ser citado en blogs e revistas de viaxes como un lugar de obrigada visita para os que optan polo país para facer algunha estadía vacacional.

Agora, forma parte tamén dun ranking do portal de turismo Viajestic, no que intentan dar co pobo máis bonito de España, segundo as votacións das persoas que entren nesta lista. E Allariz non só conseguir situarse entre os 17 finalistas, senón que ademais está, polo de agora, en terceira posición.

Encabezan o ranking Hondarribia (País Vasco) e Cehegín (Murcia), e sitúanse despois de Allariz Luarca (Asturias), Siles (Andalucía), Comillas (Cantabria), Montánchez (Extremadura), Aranjuez (Madrid), Cadaqués (Cataluña) e Pedraza (Castela e León), por falar do top ten dos seleccionados.

As votacións rematan o día 14 de xuño e aínda hai un tempo para que Allariz mellore ou, se os votos non acompañan, empeore posicións. Pero máis alá dos resultados, non hai dúbida de que ben merece unha visita de cando en vez, porque é un bo lugar para o ocio, para o descanso, para pasear por rúas que integran un conxunto histórico artístico e para relaxarse á beira do río.

Pero sabemos que en Galicia, a elección do pobo máis bonito non é fácil, porque habelos hainos e están ben repartidos por todo o territorio. Ti cal elixes?

E logo, qué pensas?