AliciaG

Antonio Fernández: o galego que rompe os ovos máis grandes de Madrid

0

Galegos polo mundo hai milleiros, case en cada esquina do planeta. É raro que visitemos algún lugar onde non atopemos un ou varios, e que algún deles non rexente un negocio de hostalería ou unha tinturería.

Madrid non é menos que o resto, e na capital de España aséntanse desde hai séculos galegos que traballan día a día sen esquecer as súas raíces. Tal é o caso de Antonio Fernández, un ourensán de Cartelle que leva no centro da península dende mozo e que rexenta un bar na rúa de Ferraz dende hai sete anos, o Platos Rotos (http://restauranteplatosrotos.es/).

Isto non sería ningunha novidade se non fose pola peculiaridade da carta do local que dirixe. O Platos Rotos é un bar especializado en pratos exóticos, entre os que se inclúe o ovo de avestruz, que pode alcanzar ata os dous quilos de peso. A súa preparación é toda unha arte, unha sucesión de pasos acompasados e precisos para manter intacta a estrutura e o sabor do ovo. Este ourensán é por méritos propios, e basta con mirar o vídeo que acompaña este artigo, un rompeovos con moita arte. E dende logo, o que rompe os ovos máis grandes de Madrid.

Outros pratos que se poden  degustar no Platos Rotos da man de Antonio son os ovos de oca, o Striploin de crocodilo ou de canguro (que viría sendo o lombo), as hamburguesas de avestruz, de  xabaril ou as ancas de ra. E ademais, carne de cebra, canguro, bisonte, búfalo, camelo ou poldro.

No vídeo que acompaña este artigo, o propio Antonio Fernández amosa como se casca un ovo de avestruz: unha operación laboriosa que require de precisión, destreza e paciencia para que a xema non rompa. Ao final, o resultado é espectacular: un ovo coma un mundo.

 

 

E logo, qué pensas?