AliciaG

Antonio Palacios, o galego visionario do “novo Madrid”

0

Que os galegos sempre fomos emigrantes e que alá onde fomos deixamos a nosa pegada non é nada novo. Xa sexa na Arxentina, Cuba, Suíza, Alemaña ou, sen ir tan lonxe, en Madrid. É precisamente na capital de España onde unha exposición rememora agora o legado do arquitecto porriñés Antonio Palacios, considerado o visionario do “novo Madrid”.

Palacios naceu no concello da provincia de Pontevedra alá por 1874 no seo dunha familia que posuía canteiras e cuxo pai, ademais, realizaba labores como axudante de Obras Públicas no ferrocarril que unía Tui con Valença do Minho. Pronto a súa carreira se decantaría cara a arquitectura, especialidade que estudaría en Madrid a partires do 1892.

A súa carreira como arquitecto é prolífica, sendo considerado como un dos arquitectos máis influentes da primeira metade do século XX en España. Seus son varios dos edificios máis emblemáticos de Madrid, como o Círculo de Belas Artes, o Palacio de Correos (actual sede do Concello de Madrid), o Banco Español do Río da Prata, onde se sitúa o Instituto Cervantes, ou o Hospital de Jornaleros de San Francisco de Paula.

Precisamente o centenario deste último edificio, coñecido agora co nome de Hospital de Maudes, marca o inicio dunha serie de conferencias e visitas guiadas organizadas pola Comunidade de Madrid en colaboración con diversas institucións na que se dará a coñecer a obra do arquitecto galego.

O programa, que comezou o pasado xuño e estenderase ata o próximo mes de decembro, pódese consultar na páxina web dedicada a Antonio Palacios (http://www.antoniopalacios.es/). Até 8.000 persoas poderán gozar das diferentes actividades que se realizarán, para as que é necesario realizar inscrición previa na mesma páxina web.

 

E logo, qué pensas?