AliciaG

Apps coas mellores frases de Mariano Rajoy e Pablo Iglesias

A caza dos cazapos entre os políticos non é novidade. No ano 2007, fai xa unha década, nacía en Galicia a Touripedia, un proxecto que recollía os mellores erros nos discursos e intervencións do presidente da Xunta naquel momento, Emilio Pérez Touriño. E que deixou expresións míticas como a rede interestelar (en lugar de interestatal) de estradas ou o equipo de extinción de persoas (en lugar de incendios), por citar só algúns dos mellores fails recollidos nesta ferramenta. Co cambio do Goberno autonómico chegou a Feijoopedia, un sitio de internet que pretende facer algo similar co actual dirixente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que entre os seus erros reinventou o nome do grupo The Chieftains.

Hoxe, existen aplicacións que recollen este tipo de traballos. Como unha coas mellores expresión do presidente do Goberno estatal. Chámase Frases de Mariano Rajoy, está na PlayStore e ofrece a posibilidade de facer un repaso polos mellores comentarios do actual dirixente español. Pódese atopar dende o mítico “fin de la cita” ata “muy españoles y mucho españoles”, pasando polos “hilillos de plastilina” ou por esa expresión de “somos sentimientos y tenemos seres humanos”. Por non falar da mítica ¡Viva el vino!, que non pode faltar.

APP INTERIOR

Pero hai frases para todos os gustos, e tamén Pablo Iglesias ten unha aplicación coas súas mellores frases, nas que conta cousas tales coma que “Europa es un gigante económico, un enano político y un gusano militar”, ou se lembran as conversas iniciadas cun “repita conmigo” dirixidas a Esperanza Aguirre.

Nos dous casos, trátase de aplicacións moi sinxelas. Ao descargala, ábrese o acceso á lista de frases, cun só click, xa é posible escoitalas, e premendo un chisco máis, pódese enviar a calquera contacto. Unha ferramenta moi útil, que pode dar moito xogo nas longas conversas polo mundo virtual con familia e amizades! 😉

Cal é a túa frase favorita?

E logo, qué pensas?