AliciaG

Aprendizaxe de idiomas en modo ‘low cost’

0

Fálase moito sobre fórmulas para aprender idiomas. E aínda que semella indiscutible que trasladarse ao país da fala que queremos aprender e mesturarse coa poboación autóctona pode ser unha estratexia infalible, existen outras opcións a baixo prezo que, se non son tan efectivas, si permiten afrontar o estudo a persoas que non teñen tempo nin cartos para mudar de país ou para acudir a clases presenciais.

Internet abre todo un mundo de posibilidades low cost. E unha das aplicacións máis empregadas é Duolingo, que nube de palabraspermite estudar diferentes idiomas, sobre todo europeos, cun sistema de aprendizaxe a modo de xogo no cal se alternan leccións para falar, escoitar ou traducir. É unha ferramenta totalmente gratuíta e  que conta máis de 120 millóns de usuarios en todo o mundo.

Busuu é outra das opcións que ofrece o mundo dixital. Neste caso, hai idiomas europeos e tamén outros coma xaponés, chinés e árabe. Existe unha versión de balde e outra de pago con máis prestacións para os usuarios. Mais en xeral, o sistema desta aplicación baséase na suma de leccións breves e a corrección de falantes nativos. Está tamén Memrise que ofrece oportunidades de aprendizaxe en máis de 200 idiomas. A súa técnica, segundo din, é unha mestura de ciencia e diversión, en que a comunidade exerce un rol importante e os alumnos exercen tamén, en ocasións, de mestres. Hai múltiples sitios na rede. Dende BBC Languages ata Learn a language, pasando por HiNative, plataforma en que falantes nativos dos idiomas dan respostas aos estudantes.

E que pasa cos estranxeiros que queren aprender galego? Teñen tamén onde estudar na rede. Espazos como ilanguages ofertan este idioma entre a súa proposta de aprendizaxe. Entre outras, tamén Égalego é unha ferramenta que se ofrece para facilitar a aprendizaxe a castelanfalantes.

E ti, cal pensas que é a mellor aplicación ou sitio web para estudar idiomas?

E logo, qué pensas?