AliciaG

As Fragas do Eume cumpren 20 anos como parque natural

As Fragas do Eume cumpren o 30 de xullo de 2017 dúas décadas dende que recibiron a consideración de parque natural. É un lugar coñecido coma o bosque atlántico de Europa, ao sumar as 9.000 hectáreas mellor conservadas do continente con especies de ribeira.

Entre humidade e sombra, entre fervenzas e fontes, esta fraga que acompaña a conca do río Eume ofrece unha ampla e curiosa biodiversidade. Dise que estas Fragas ofrecen unha paisaxe con mil verdes, ao longo da comarca do Eume. E é aí onde se atopan as mellores carballeiras de Europa. Mais hai tamén 160 especies de fungos e mesmo algunha reliquia procedente do período terciario e propia de etapas climáticas desaparecidas en Europa. Tamén hai fauna destacada nestas fragas: 100 especies coñecidas de aves, 13 especies de anfibios e 10 de réptiles de grande valor…

O mellor xeito de coñecer este parque é a pé, chegando por algunha das catro portas de acceso. E camiñando, vaise vendo a riqueza natural da zona, pero tamén a patrimonial, pois hai grande presenza da Idade Media e dous mosteiros: o de Caaveiro e Monfero, que son lugares de visita obrigada.

É a escapada perfecta para os amantes do sendeirismo. Son sete as rutas máis destacadas que se poden facer neste parque natural. Case todas presentan unha dificultade baixa e a duración das mesmas oscila entre unha e tres horas.

Aínda non as coñeces?

E logo, qué pensas?