AliciaG

As mellores praias para surfear están no norte!

O surf é un deporte que ten cada vez máis adeptos, pero esixe dunhas condicións determinadas para que sexa posible a súa práctica. Si, falamos das ondas.  Por iso, os surfistas van de praia en praia buscando as mellores condicións para cabalgar sobre o mar, mesmo cambiando de país ou de comunidade en determinadas épocas do ano.

Os que van polo valor seguro, acostuman vir a Galicia. Porque casualmente, están no norte da comunidade as únicas praias de España –xunto con algunhas das Illas Canarias– que permiten surfear practicamente os 365 días do ano. Isto fai que sexan algúns dos lugares máis importantes do mundo para este deporte.

Sabes onde están? As que ofertan máis garantías, en Ferrolterra. Lugar onde se atopa, e non é casualidade, a Federación Española de Surf. En concreto, son os areais onde se celebran dous campionatos de destacada relevancia no eido estatal e internacional: o campionato de España de Surf (na praia de Doniños, en Ferrol) e o Pantín Classic (na praia de Pantín, no Concello de Valdoviño).

Cada ano pisan estas e outras praias da zona ata 20.000 persoas, á marxe destas probas deportivas, para aproveitar que en todas as estacións se pode desfrutar das ondas.

Máis ao sur, pero tamén mirando o Atlántico, hai outra opción que tamén acostuma situarse entre os rankings das mellores praias para surfear. Falamos da praia de Razo, no Concello de Carballo, que mesmo ten unha webcam para que calquera persoa interesada poida ver como están as ondas.

Co bo tempo e as vacacións, non está de máis ir á praia, refrescarse e afondar na práctica deste deporte. E se aínda non probaches a subirte a unha táboa, o verán do 2017 parécenos un momento perfecto para  aprender. Anímaste?

surf-2104202_1920

E logo, qué pensas?