AliciaG

As mellores termas naturais están en… Ourense e Pontevedra!

Entre a primavera, que se achega a tempada de vacacións e arrastramos o cansazo do curso escolar e laboral, un plan relax en augas quentes parece unha proposta excelente para escapar da rutina e coller folgos para o sprint final ata o merecido descanso. E sobre todo, tendo en conta que as mellores termas naturais de España están aquí, ao lado da casa.

Cales son? Un ranking feito recentemente por iagua, un medio especializado en todo o que ten que ver con este elemento, vén de dicir que catro dos 12 mellores lugares para poñerse a remollo en España están en Galicia. En concreto, nas provincias de Ourense e Pontevedra.

Entre outras propostas que se atopan en Andalucía, Comunidade Valenciana, Cantabria, Murcia, Aragón, Cataluña e La Rioja, aluden ao balneario de Mondariz (Pontevedra) e tamén a tres zonas situadas na cidade de Ourense. Falamos das termas de Outariz, do Muíño da Veiga e da Chavasqueira.

E se ademais de buscar un momento de relax queremos tratar algún mal, cada terma ten a súa especialización.  En Ourense, as de Outariz teñen como especialidade o tratamento de artrite e outros reumatismos; na Chavasqueira, as augas son boas para os problemas anteriores e tamén para a asma e as infeccións na pel. Finalmente, as pozas do Muíño da Veiga son perfectas para afeccións de pel, dermatites e eccemas.

No balneario de Mondariz, os usuarios acostuman visitar estas augas para tratar problemas respiratorios e reumáticos, pero tamén para combater o estrés ou como terapia de beleza, adelgazante ou antitabaco.

E ti, que terapia buscas nestas augas?

 

E logo, qué pensas?