AliciaG

Unha moza ourensá asasinada en 1891 está catalogada como a primeira muller vítima da violencia de xénero

0

A primeira muller catalogada como vítima da violencia de xénero (evidentemente non a primeira vítima, pero si a primeira documentada e catalogada como tal, polo menos en Galicia) está enterrada no cemiterio de San Francisco, en Ourense. Chamábase Asunción, era costureira, tiña 20 anos e foi asasinada por un veciño de Reza (parroquia de Ourense) que ao parecer non aceptaba as negativas de Asunción. Ocorreu no ano 1891, en plena Praza Maior de Ourense, ateigada de xente, no Venres Santo daquel ano. Asunción estaba acompañada por quen era o seu noivo e rodeada de amigos, coñecidos e veciños, o que lle engadiu aínda máis dramatismo e impacto a un episodio xa de seu brutal.

A noticia foi publicada polo Faro de Vigo, que inicialmente a contada dun xeito un tanto peculiar: “Despois de ter comezado o sermón do descendemento e cando a praza estaba chea de xente, escoitouse unha detonación de arma de fogo que puxo en alarma a todos. Das investigacións resultou que a Juan González, da parroquia de Reza, se lle disparou un dos tiros da pistola que levaba”. Tamén relataba o periódico que como consecuencia do disparo Asunción González quedou ferida gravemente, falecendo máis tarde, que Juan González fora detido e que estaban a levarse a cabo indagacións para o esclarecemento do ocorrido.”

Como consecuencia do traballo policial, todo quedou aclarado: en realidade a Juan González non se lle disparou a pistola de dous canos, senón que a utilizou voluntariamente contra Asunción. O suceso conmocionou profundamente a cidade de Ourense, converténdose co paso do tempo nunha historia de intrigas e preguntas sen resposta.

No cemiterio de San Francisco, nada máis entrar, existe unha lápida con forma de libro que recorda a esta moza, que pasaría a historia local da cidade como “Pobre Asunción”, tal e como aparece no sentido e sinxelo epitafio da placa: “Pobre Asunción. Venres Santo 91”.

A súa historia foi recollida nun relato de Álvaro Cunqueiro e tamén aparece mencionada nunha das cancións do disco que Los Suaves lle dedicaron ao cemiterio de San Francisco, titulada Hotel, e que podes escoitar nesta publicación en youtube de Mario Guede Domínguez.

Á tumba de Asunción, a Pobre Asunción, nunca lle faltan flores nin tampouco recordos. Asociacións de mulleres de Ourense acostuman desde fai anos a renderlle homenaxe polo día Contra a Violencia de Xénero e no propio Concello de Ourense foi presentada unha proposta para adicarlle unha rúa ou praza da cidade.

 

 

E logo, qué pensas?