AliciaG

Búscanse 16 valentes para impulsar o sistema sanitario galego

0

Es profesional do ámbito sanitario ou dalgunha enxeñería? Estás motivado para impulsar o sistema público sanitario de Galicia? Tes idea sobre as necesidades que ten na actualidade o sistema de saúde? Veste capaz de aportar solucións?

Se a resposta foi si a unha ou varias destas preguntas, o Sergas e a Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis) estante buscando para participar no proxecto Código Camiño, un plan de innovación centrado no envellecemento que ten como áreas de maior interese a neuroloxía, a reumatoloxía, dixestivo, oncoloxía e hematoloxía.

O proxecto está á procura de 16 valentes cos que analizar, ao longo de tres xornadas, as necesidades do sistema sanitario para procurar as solucións que permitan melloralo. Deste xeito, preténdese detectar onde investir fondos para introducir esas melloras innovadoras.

Codigo camiño 2

Por iso, búscanse persoas con experiencia no eido da saúde, tanto no plano asistencial coma en centros e laboratorios de investigación; empresas tecnolóxicas, enxeñeiros, estudantes de medicina…  Se reúnes algunha das características esixidas, podes presentar a túa candidatura ata o 24 de febreiro ben en vídeo ben por escrito, na web da Axencia de Coñecemento en Saúde.

Os organizadores farán una selección entre os candidatos e, os elixidos, pasarán do 31 de marzo ao 2 de abril nunha convivencia da que se pretenden extraer solucións innovadoras para a sanidade pública galega.

E logo, qué pensas?