AliciaG

Cal é o mellor calzado?

0

Saúde e estética non teñen que estar enfrontados. E nesta liña, unha das cuestións que suscita controversia respecto da súa función máis alá do estético son os zapatos de tacón. Si, eses que estilizan tanto a figura coma poden contribuír a doenzas.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia quere romper co dito de que ‘para lucir hai que sufrir’, e por iso conta no vídeo que acompaña a este artigo as claves para escoller un calzado adaptado ás nosas necesidades e que non supoña un risco para a nosa saúde.

Na súa sección de ‘Consellos para vivir mellor’, apuntan que para elixir o mellor calzado debemos ter en conta o tipo de pé, se o usuario xa ten algunha doenza previa e tamén o uso que lle vai dar a cada par de zapatos. Evidentemente, os tacóns non parecen o máis axeitado para facer deporte.

Pero, están completamente desaconsellados os tacóns? Non necesariamente, sempre que estean adaptados á altura e á anchura que pode ser apta para cada persoa. Non  ter en conta estes factores pode supor un risco, xa que un tacón pode modificar o  xeito de andar e o ritmo da marcha. Por todo isto, o criterio dos profesionais é ir máis alá da cuestión estética á hora de seleccionar calzado.

E logo, qué pensas?