AliciaG

Cargados Carallos: as illas da República de Mauricio que descubriu e bautizou o navegante galego Xoan de Nóvoa en 1501

0

A palabra carallo ten dúas acepcións, segundo o dicionario da Real Academia Galega. Como substantivo masculino refírese ao “órgano do aparello xenital masculino que serve para copular e miccionar”. Tamén é unha interxección empregada na fala popular. É aquí cando usada axeitadamente acada o seu esplendor, cando o vocábulo nos achega todo o seu xogo como ben sabemos e ensaiamos  a diario. As frases e expresións con “carallo” van dende “carallo, vaia golpe!”, a “arre carallo”, “manda carallo”, “de carallo”, tocar o carallo”, “tocarse o carallo”, por citar só as que figuran na biblia da lingua galega e manternos así dentro dos canons que dita a corrección académica. Os usos son inabarcables se ademais exploramos as derivadas: carallazo, caralla, caralludamente, carallote, caralludo…. todos recollidas igualmente pola academia das letras de Galicia.

Poderíase pensar que só lle falta un uso toponímico para que cando alguén nos mande alí, saibamos exactamente onde dirixirnos. Pois non. En realidade non lle falta tal uso, porque ese lugar existe. No océano Índico, na República de Mauricio, hai un arquipélago descuberto por un galego e bautizado tamén por el coa interxección por excelencia do galego: Cargados Carallos. Abreviando, illas Carallos.

Ata alí, no Índico, máis preto de África que da India, chegou no ano 1501 o ourensán de Maceda Xoán de Nóvoa, un intrépido navegante que fuxiu de Galicia a Portugal con motivo das revoltas Irmandiñas e que acabou sendo alcalde menor da cidade de Lisboa. Antes diso, nunha das súas viaxes, xa ao servizo de Portugal, atopouse con este arquipélago formado por 16 illas, nun arrecife de 50 quilómetros de norte a sur e 5 quilómetros de ancho. En total, 1,3 quilómetros de terra e 190 quilómetros cadrados en total. Un lugar paradisíaco.

Talvez porque aquel paraíso lle pareceu  incualificable e para eses casos temos unha palabra como a que nos ocupa, ou ben porque a travesía para chegar ata alí era de carallo ou simplemente porque lle saíu xusto desa parte do seu corpo, o caso é que bautizou as illas co nome de  Cargados Carallos. E así seguen chamándose hoxe en día pese a que polo camiño, dende 1501, foron holandesas, logo francesas e máis tarde británicas, ata que en 1968 acadaron a independencia. O que nunca perderon foi o seu nome orixinal, o que lles puxo o galego Xoán de Nóvoa, aínda que os ingleses preferían referirse a elas como Saint Brandon Rocks (Rocas de San Brandón).

Hoxe, as Illas Cargados Carallos están habitadas por una pequena poboación nativa e algúns achegados atraídos pola súa beleza e riqueza mariña e paisaxística.

Así que a próxima vez que alguén nos mande ao carallo saberamos exactamente a onde ir, aínda que tardaremos unhas sete horas en chegar en avión a Saint Luis, capital de Mauricio, e logo teremos que coller un barco para achegarnos a Cargados Carallos. En todo caso deberiamos saber que se hai algún lugar no mundo en que nos poderiamos atopar ben a gusto é, desde logo, alí.

A man de Xoán de Nóvoa non só se deixou notar no nomeamento destas illas. Na mesma zona, dentro do que hoxe e a República de Mauricio, existe outra illa que se chama Agalega. Evidentemente, non fai falla dicir quen le puxo o nome.

Foto da web Mauritius Atractions en que se ve unha das 16 illas de Cargados Carallos.

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?