AliciaG

Celanova, onde xa (case) hai máis santos ca no mesmo ceo: 5

0

Celanova é caso único por moitos motivos, tantos como existen para deixarse caer por alí e perderse entre as súas pedras deixándose levar polas súas letras. Porque Celanova é terra de pedras, de letras…  e agora tamén de santos.

Único é o seu mosteiro, e a Praza Maior que parece unha prolongación cara ao exterior do mesmo, igual que o son cara ao interior os seus claustros. Única é a súa incrible capela Mozárabe (monumento nacional desde 1923), a súa zona histórica ou a veciña vila de Vilanova dos Infantes. E tamén é única a súa capacidade para alumear grandes persoeiros da historia, ben porque naceron neste municipio ou ben porque acabaron asentados nel deixando alí a súa pegada. Por exemplo, e agora pasamos das pedras ás letras, coñecido é que de Celanova son algúns dos máis grandes escritores galegos de todos os tempos, como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín.

Una confluencia excepcional para una poboación de apenas 5.000 habitantes asentada nunha porción de terra de pouco máis de 67 quilómetros cadrados. Pois con todo, aínda é máis sorprendente outra coincidencia: a de santos, iso si, ao igual que os poetas, todos homes. Santos homes, polo tanto.

Coa santificación esta pasada fin de semana de Faustino Míguez(1831-1925), xa son en principio tres: San Rosendo, San Torcuato e o propio Faustino Míguez. Aínda que este último é o único dos tres que naceu en Celanova, os outros dous están estreitamente ligados con esta localidade. San Rosendo (27 de novembro de 907 – 01 de marzo de 977) porque foi fundador e abade do mosteiro de Celanova (ademais de bispo de Mondoñedo e vicerrei de Galicia) e alí está sepultado, ao igual que San Torcuato, que ao parecer foi un dos sete varóns apostólicos enviados por San Pedro e San Pablo dende Roma para evanxelizar Hispania e cuxos restos tamén están no mosteiro. O primeiro naceu en San Tirso de Portugal e o segundo é o patrón de Guadix, localidades ambas coas que está irmandada Celanova.

Pero non para aquí a lista de santos vinculados a Celanova. Segundo se desprende da páxina web do bispado de Ourense, hai outros dous santos que tiveron estreita relación con esta vila. Trátase de San Manilán, que foi prior de Celanova e morreu no ano 1012, e de San Franquila, abade de San Estevo  primeiro e logo de Celanova, no século X. De feito, este último foi o primeiro director do mosteiro unha vez que se rematou a súa construción e foi o antecesor no mesmo cargo de San Rosendo. Os seus restos foron enterrados en Celanova e roubados polos portugueses nunha das súas incursións, tal e como relata Antonio Barrero.

O resultado é unha suma un tanto asombrosa: 5 santos relacionados directamente con Celanova, case máis que no mesmísimo ceo… polo menos proporcionalmente.

Celanova seguirá sendo terra de poetas, sen dúbida, pero xa o é máis de santos.

Foto da foto: Wikipedia.

E logo, qué pensas?