AliciaG

Chega a primavera… e a operación dieta!

0

Coa chegada da primavera, non son poucas as persoas que emprenden unha operación bikini, esa que se presupón que garante un corpo san e escaso en graxas para lucir na tempada de praia. Son moitas as dietas milagreiras que se ofrecen como solución, dende a Dukan ata a disociada, pasando polas detox (que prometen desintoxicar o corpo) ou as que levan o nome das celebridades que as aplican para lucir o que se deu en chamar un corpo 10.

Malia estas propostas, a realidade é que non hai solucións máxicas que duren no tempo se non se aplica un cambio de vida baseado en dieta controlada e actividade física. De feito, se 8 de cada 10 galegos emprenderon algunha vez na súa vida unha dieta para baixar peso, a maioría admite que só conseguiron resultados a curto prazo. Nada que se manteña no tempo.

Ao final, calquera dieta que garanta éxito consiste nun aporte calórico adaptado ao consumo enerxético da persoa, unha actividade física regular e unha alimentación máis baseada en froitas, vexetais e produtos frescos en xeral, fronte a aqueles procesados e, por norma, máis cargados de azucres e graxas saturadas.playa

Por iso, o mellor truco para evitar iniciar cada ano unha operación bikini con escaso éxito, é facer algo de deporte e ter unha dieta razoable, que non ten que implicar renunciar a ningún alimento, pero si controlar aqueles que suman máis calorías.

Tanto o deporte como o cambio na alimentación require un exercicio de forza de vontade. E por iso, buscar apoio dun médico ou experto en alimentación e tamén dun preparador físico, poden ser boas solucións para iniciar esa nova vida que garante un corpo san todo o ano.

E logo, qué pensas?