AliciaG

Consellos para saír do San Xoán co corpo purificado e sen queimarse

Conta atrás para o San Xoán -do 23 ao 24 de xuño-, unha das festas por excelencia do territorio galego na que todo, ou case, é maxia. Celébrase a chegada do solsticio de verán, a noite máis curta do ano (ou o día máis longo, segundo se mire), o efecto purificador do lume e das herbas milagreiras. Son moitas as tradicións que están relacionadas con esta festa, especialmente concorrida na cidade da Coruña, non só porque encabece o  ranking dos mellores lugares de España para celebrar esta data, senón tamén porque é festa de interese turístico internacional.

Máis alá da noite meiga nesta cidade, é certo que practicamente non queda aldea, vila ou cidade do país sen celebrar o San Xoán, quesardiña malia levar o nome dun santo, ten unha tradición pagá. Todo lugar é bo para entregarse a esta festa, toda unha homeaxe á sardiña. Pero xa se sabe que cando un xoga con lume, pode queimarse. Para evitalo, en Aliciag recompilamos algúns consellos para superar esta data en perfecta forma e sen acabar nos servizos de urxencias dos centros sanitarios galegos. Imos aló:

1.- Se bebes alcohol, que sexa con moderación. Pode parecer obvio pero en moitas ocasións, controlar esta parte da festa axuda nunha porcentaxe ampla a evitar outro tipo de incidentes e accidentes. Sobra dicir que condución e alcohol nunca foron bos compañeiros.

2.- Coidado co mar. Nalgunhas cidades como a da Coruña están xa a tomar medidas para evitar os riscos do mar nunha festa que se celebra, neste caso, a carón da praia. Para evitar desgraciados sucesos como os acontecidos noutros anos, é importante ter coidado e atender as indicacións sobre a procedencia ou non de darse un baño. As augas nesta noite teñen sona de milagreiras, pero xa se sabe que unha mala aproximación ao mar pode ter consecuencias fatais.

3.- Acórdate de recoller na véspera do San Xoán as herbas milagreiras, ponas en auga preparadas para recoller o orballo desta noite e lávate á mañá seguinte con esa auga, que ten tamén a súa función protectora.

4.- Hai que saltar as fogueiras pero, cantas veces? Semella que hai coincidencia en que é un número impar e que vai a partir de tres veces, mais hai versións para todos os gustos. Coma pasa co parchís ou o futbolín, cada quen ten as súas  propias normas! Cales son as túas?

5.- E seguimos coa cuestión do salto, pero para falar de tamaños. Parece arriscado saltar grandes fogueiras con elementos que están a arder e que poden ser, chegado o momento, unha trampa no noso movemento. É mellor ir sobre seguro e calcular ben as nosas posibilidades, que semella que o efecto purificador do lume non ten a ver nada coa altura das lapas. Por iso, o mellor consello é ter sentidiño saltando as cacharelas, luminarias, lumeiradas… ou como digas na túa zona, que se temos mil palabras para definir a choiva, poucas nos deben faltar para referirnos ao lume. Ti como lles chamas?

 

 

 

E logo, qué pensas?