AliciaG

Cristovo Colón descubriu América entre copa e copa de viño ribeiro

0

Colón descubriu América e, ao mesmo tempo, América descubriu o viño ribeiro, antes que ningún outro. É máis, se Colón brindase ao chegar ao novo mundo, seguro que o faría con viño galego, que era o que levou na súa primeiro expedición e o que se consumía na illa A Española, a colonia que el fundou. Rizando o rizo, incluso se podería afirmar que Colón descubriu América entre copa e copa de ribeiro (a ración para os tripulantes das tres embarcacións era de ¾ de litro por persoa e día). E que, polo tanto, ata que  o ribeiro foi o viño oficial do descobremento de América.

En calquera caso, o que si existe é constancia documental de que o ribeiro foi o primeiro viño que chegou a América da man do propio Cristovo Colón, onde ata entón so había uvas silvestres, pero non da variedade vitis vinífera, e non se facía viño.

Segundo documentos do arquivo nacional de Simancas (atopados polo periodista Luís Congil), en que se recollen os interrogatorios ordenados polos Reis Católicos aos primeiros colonos da Española enfrontados a Colón, o ribeiro era ademais un produto prezado. Nun parágrafo das actas xudiciais, relátase como un crego, supostamente galego, lle pide a Colón unha ración extra do “bo viño de Ribadavia” por atoparse enfermo, ao que o almirante se negou e o que se acabou convertendo nunha proba de cargo contra el.  O crego acabou morrendo e Colón, xunto cos seus irmáns, deportado tras o xuízo do ano 1.500 polo seu despotismo cos colonos da Española.

Que o viño ribeiro viaxase a América con Colón non supón ningunha sorpresa, pois era un dos viños máis importantes do mercado mundial. Alfonso X o Sabio referíase a el como o “bo viño d’Ourense”, que tamén foi levado as súas obras por Cervantes ou Quevedo. Explicaría, tamén, a importancia que tiveron as variedades autóctonas galegas nas primeiras plantacións de vides en América, como ocorre aínda actualmente co torrontés na Arxentina.

E se ademais do viño galego, tamén Colón fose galego?

Pois tampouco se pode descartar e cada vez son máis os estudosos que así o cren e que sosteñen que Cristovo Colón era en realidade Pedro Madruga. Ou cando menos que eran irmáns, segundo outras teorías. En todo caso, de ser así, tamén Colón sería galego en non xenovés.

Os historiadores que así o defenden baséanse en documentación dos séculos XV e XVI que amosa a acta notarial da venta da quinta da Puntada de Poio,  suposta casa de Colón en Pontevedra; na toponimia dos accidentes xeográficos que descoubriu (Punta Lanzada, San Salvador o as alusións as confrarías pontevedresas para nomear o porto de San Nicolás, o cabo San Miguel ou as illas Catalina e San Xoán Bautista), así como na linguaxe de Colón, en que abundan vocablos galegos.

 

 

E logo, qué pensas?