AliciaG

De festa en festa… de interese turístico internacional!

0

Galicia conta con nove eventos anuais que son festas de interese turístico internacional. Esta consideración recíbena aquelas festas que teñen continuidade no tempo e certa antigüidade, un arraigamento popular destacado, as que aportan certa orixinalidade no que a promoción turística exterior se refire e repercusión en medios de comunicación internacional.

Coñeces este calendario festivo? Unha das festas con esta proxección é a da Arribada de Baiona, que se celebra a comezos de marzo. Pero quedan aínda outras oito que están pendentes no calendario de 2017. As primeiras coinciden no tempo por ser a Semana Santa de Ferrol e de Viveiro, que comeza o 9 de abril co Domingo de Ramos.festa san xoán

Cara mediados de xuño está a seguinte data a marcar no calendario e a festa de interese turístico internacional á que corresponde é o Corpus Christi de Ponteareas. Días despois, pasamos desta vila pontevedresa  á cidade da Coruña, coas súas Fogueiras de San Xoán, á que acoden cada ano milleiros de persoas na noite do 22 ao 23 de xuño.

Tres festas son en xullo: a rapa das bestas de Sabucedo (a primeira fin de semana de xullo), o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (do 13 ao 16 do mesmo mes) e a festividade de Santiago Apóstolo (25 de xullo), nesta cidade patrimonio da humanidade.

Para rematar o calendario festivo de interese internacional, marcamos o primeiro domingo de agosto a Romaría Vikinga de Catoira.

Ata aquí, as que hoxe teñen esta proxección mundial. Cal será a seguinte?

E logo, qué pensas?