AliciaG

Dez escapadas únicas, sen saír de Galicia

0

Paisaxe, tradición, historia, mar, montaña, cidades… Galicia ten contornas e espazos moi diferentes, pero existe un top ten de lugares únicos que se reparten entre as catro provincias. A selección, feita por Turismo de Galicia, ofrece dez escapadas de visita obrigada. Tes algunha pendente?

  1. A Ribeira Sacra. É a paisaxe que deixan os ríos Miño e Sil, onde se atopa a meirande concentración de construcións relixiosas de estilo románico en Europa. É, tamén, unha zona vitivinícola.
  2. A muralla de Lugo. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e amosa distintas partes da historia e evolución desta cidade, Lugo, dende as orixes romanas ata o século XIX.
  3. A serra da Capelada. Son moitos os lugares que ofrecen unha paisaxe de mar salvaxe nesta zona, pero, sen dúbida, a Garita de Herbeira, o acantilado máis alto da Europa continental, é unha das imaxes de máis impacto sobre o Océano Atlántico.
  4. O Ferrol da Ilustración. Outra parada é na cidade de Ferrol, cun marcado carácter industrial e que conserva o seu Arsenal, único porto militar da Ilustración intacto en Europa, e o barrio da Magdalena, estruturado a modo de libra de chocolate.
  5. A Torre de Hércules. Outro monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco que se sitúa entre as escapadas únicas. Este antigo faro, de orixe romana, é o máis antigo do mundo aínda en funcionamento.
  6. Camiño de Santiago. Milleiros de persoas percorren os camiños que levan a Compostela. Foi o primeiro itinerario europeo de Interese Cultural segundo o Consello de Europa, e ofrece unha oportunidade, tamén, dunha viaxe interior para quen o transita.
  7. Santiago de Compostela. É o destino de milleiros de peregrinos procedentes de todo o mundo, que teñen como obxectivo chegar á catedral desta cidade. A súa zona vella é, tamén, Patrimonio da Humanidade.
  8. Cabo Fisterra. Coñecido na antigüidade coma a fin do mundo coñecido, é hoxe lugar de visita obrigada na Costa da Morte. Chegan, tamén, peregrinos que optan por continuar a ruta dende Compostela.
  9. As illas Cíes. Natureza en estado puro é o que ofrece este arquipélago, que pertence ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. Están dotadas dunha grande riqueza animal e vexetal, ademais de contar con espectaculares paisaxes e praias.
  10. Santa Trega. Todo un símbolo da cultura castrexa, este castro situado na Guarda ofrece unha panorámica da costa Atlántica galega e portuguesa. No seu momento de maior esplendor, no século I a.c., vivían alí 5.000 persoas.

 

E logo, qué pensas?