AliciaG

Dúas mulleres de Ourense e Camariñas, entre as seis persoas con máis idade de España: 111 e 110 anos… e pico

0

Unha muller da Ponte do Porto, en Camariñas, é a día de hoxe a cuarta persoa máis anciá de España, segundo ten verificado o Gerontology Research Group, un grupo internacional de investigadores e buscadores de supercentenarios (de 110 anos ou máis) formado por arredor de 500 membros espallados por todo o mundo. Chámase Avelina Mouzo e ten 111 anos e 167 días, 11 días máis ca a terceira persoa máis vella do país: un home de Estremadura que atesoura 111 días e 178 días.

Avelina é a proba de que na Costa da Morte a vida supera todos os límites. Así que o pasado 24 de decembro, coma case todos os últimos, a avoa galega converteuse nunha das felices noticias dun día no que todas as familias teñen algo que celebrar, a Noiteboa . E coma cada ano, La Voz de Galicia daba conta na súa edición de Camariñas do seu capicúa aniversario, o 111: “Celebrouno con plena normalidade, coma todos os seus días, rodeada de boa parte da súa familia, con tranquilidade, moito cariño e mantendo a rutina”, escribía entón S.G. Rial nunha emotiva crónica que remataba dando conta do seu asombroso estado de saúde: “levántase e vístese por si soa, come normalmente, mantén conversación, móvese con relativa facilidade… Só lle falta un pouco de oído e nada máis”.  Nin  tan sequera o sentido do humor.

A persoa con máis idade de España é unha andaluza con residencia en Cataluña chamada Ana María Vela Rubio. Ten a friorenta de 114 anos e 223 días. Séguea otra muller que tamén vive en Cataluña e ata hoxe ten feitos 112 anos e 229 días.

Avelina Mouzo no seu 111 aniversario. Fotos de Teresa Búa. La Voz de Galicia.

Pero Avelina Mouzo non é a única supercentenaria de Galicia. Máis abaixo, en Ourense, concretamente nunha residencia do concello de Cartelle, vive Xosefa Álvarez Rodríguez, con 110 anos e 113 días ás súas costas. Iso si, magnificamente levados tamén. A estas idades, cada novo ano é motivo de ledicia, celebración e acaba converténdose tamén en noticia. Non é para menos. E así foi no último aniversario de Xosefa, o 16 de febreiro último, recollido polo diario La Región, ao que ela mesma se encargaba de revelar o segredo da súa lonxevidade e sobre todo do seu envexable estado de saúde: que nunca casou. Efectivamente, é solteira e tampouco ten fillos, polo que soprou as súas 110 velas, ao son da Rianxeira e da Saia da Carolina, rodeada de familiares, compañeiros da residencia, veciños da aldea de Ramirás en que naceu e viviu e persoal da residencia, todos eles encantados e ao tempo asombrados polo súa saúde: “As súas analíticas seguen a ser perfectas. Este ano non tivo nin gripe e tampouco tomou ningunha mediación”, explicaba o seu médico na crónica publicada por La Región.

Último aniversario de Xosefa Álvarez. Fonte: La Región

Con todo, e pese ao extraodinario bo ritmo de Avelina e Xosefa, o récord de lonxevidade en Galicia aínda non foi batido. Correspóndelle a María do Carmen Figueiró, que será recordada para sempre en Nigrán pola rúa que leva o nome co que era coñecida: Avoa Carmela. Cando faleceu, o 25 de maio de 1997, era a avoa non só de Galicia, senón tamén España. Alcanzou os 113 anos e 209 días.  A avoa Carmaela aparece tamén na lista dos 50 europeos máis lonxevos de todos os tempos, ocupando 0 número 33.

Esta é a lista dos 9 supercentenarios galegos que xa non están vivos, o seu lugar de nacemento e a idade exacta que alcanzaron. Entre os once, se contamos as dúas mulleres con vida coas que iniciamos o artigo, so hai un home. E outra curiosidade: máis da metade (seis de 11) son de Ourense.

  1. María do Carmen Figueiró, de Nigrán: 113 anos e 209 días.
  2. María Alonso Gayoso, de Castrelo do Val: 111 anos e 286 días.
  3. Alejandro Rivera Santalla, de Ourense: 111 anos e 86 días
  4. Francisca Barracel Fernández, de Allariz: 111 anos e 30 días.
  5. Elisa de la Iglesia Alonso: 110 e 273 días.
  6. Rosa Martínez Casais, de Celanova: 110 anos e 180 días.
  7. María Juana Rodríguez Matías, de Chandrexa de Queixa: 110 anos e 115 días.
  8. Aurora Lombán Ares, de Mondoñedo: 110 anos e 60 días.
  9. María Marcote Boullosa, de Fisterra: 110 anos e 6 días.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?