AliciaG

E se Miguel de Cervantes tamén fose galego? Pois vai ser que si

0

Cervantes: concello da parte oriental de Lugo, de 1.500 habitantes e preto de 276 quilómetros cadrados.

Saavedra: apelido de orixe galega que aparece con moita frecuencia no rexistro bautismal da parroquia de Vilarello da Igrexa, no concello de Cervantes.

Miguel de Cervantes Saavedra: o escritor en español máis grande e importante de todos os tempos.

E si atando cabos resulta que ao final o autor do Quixote era galego, coma Cristovo Colón?

Pois tamén podería ser. Cada vez son máis as teorías, algunhas máis documentadas que outras, que o sosteñen e defenden.

Por exemplo, a de que Miguel de Cervantes é orixinario de Cervantes ten dúas hipóteses. A primeira, nada documentada, sostén que era o fillo bastardo dun home de sangue nobre e unha serventa do palacio dos Saavedra, na parroquia de Vilarello da Igrexa, hoxe aínda habitada pero máis parecida a unha casa vella que a un palacio. Segundo esta teoría, estendida nesta parroquia de Cervantes, a nai marcharía co seu fillo para Alcalá de Henares, onde sería escrito xa cando estaba ben crecido.

Na páxina web de Concello de Cervantes apúntase outra hipótese, pouco documentada tamén: a de que o autor do Quixote era o sexto fillo de Rodrigo de Cervantes Saavedra e Leonor de Cortiñas, nacidos ambos en Cervantes e posteriormente desprazados, por motivo do cargo de Rodrigo de Cervantes, primeiro a Córdoba e despois a Alcalá de Henares, onde nacería Miguel de Cervantes.

En todo caso, as dúas coinciden en que Cervantes era galego.

A hipótese máis investigada e documentada é obra do biógrafo cervantista César Brandariz. Sostén igualmente a orixe galega de Miguel de Cervantes debido a que naceu nunha vila de Sanabria chamado Cervantes que daquela pertencía ao antigo Reino de Galicia. Ademais, estudaría nos xesuítas que por entón había en Monterrei, concello limítrofe con Verín, ambos en Ourense.

En realidade, e segundo esta mesma investigación, as andanzas de Don Quixote produciríanse entre Sanabria e a Galicia actual, onde ao contrario do que sucedía na Mancha, si había coellos, castiñeiros, gaitas, comíanse (antes e agora) troitas e usábanse zocos. Seguíase arando con bois e, si, había muíños de vento, incluso dende dous séculos antes que na Mancha. O escritor máis grande en lingua española de todos os tempos empregaría, con todo, nomes prestados da Mancha para as localizacións da súa obra, o que explicaría unha das razóns polas que non quixo lembrarse do nome do lugar en que empezaron as andanzas do cabaleiro e o seu fiel escudeiro.

Así pois, a teoría de que Cervantes tamén era galego toma corpo a pasos axigantados igual que un día empezou a facelo a de que Cristovo Colón era en realidade Pedro Madruga, hoxe con infinidade de defensores. Un dos argumentos empregados para soster ambas hipóteses é o uso do galego ou de expresións galegas por parte tanto de Colón como de Cervantes.

Así, nos escritos de Colón atopamos palabras de indubidable orixe galega como crime, curral , con (penedo), custa , logo, noite, ‘povo’, perigo, deter , sede , pardela (ave), fisga, fame, espeto, corda , ‘força’ ou forno.

E nos orixinais de Cervantes descubrimos  innumerables chiscadelas a Galicia e ao galego, como a descrición do Entroido de Laza ou as alusións á danza das espadas, aos peregrinos a Santiago, ás gaitas, aos zocos, ás almas en pena ou o uso de expresións tan inequivocamente propias do galego como “tarde piaches”. De feito, o nome orixinal do protagonista do libro é “Quixote”, non “Quijote”.

 

 

 

 

E logo, qué pensas?