AliciaG

Energyatyco, un invento galego para reducir a factura eléctrica

0

Os prezos da enerxía eléctrica acaparan titulares nos últimos tempos, por unha suba constante que se reflicte automaticamente na factura que deben pagar os usuarios. Na loita contra este custo que afecta de xeito directo aos petos dos cidadáns, hai quen inviste tempo e enerxía en buscar solucións.

É o caso de José Manuel Lourido, un aparellador galego especializado en domótica para a eficiencia enerxética, que traballa nun dispositivo que permitirá aos fogares consumir á hora máis económica, reducir a potencia contratada en tramos de ata 10 euros ao mes e aforrar máis de 300 euros ao ano na factura só por poñer a traballar os electrodomésticos tipo lavalouzas, secadora, lavadora, termo eléctrico, radiadores eléctricos… nos horarios en que o custo da enerxía é máis reducido. En definitiva, uns 35 euros menos de factura eléctrica cada 30 días.

Como? Basicamente, mediante o seu prototipo Energyatyco, un dispositivo que se conecta a Internet e que detecta os mellores horarios para acender os electrodomésticos da casa. Ademais, controla os enchufes. Este dispositivo, hoxe un prototipo, funciona xa en modo manual (permite acender ou apagar un electrodoméstico a través dunha aplicación web desde calquera lugar) e  automático (o aparello busca o horario máis barato para pór en marcha os equipos).

Mais José Manuel Lourido está a traballar no desenvolvemento do modo semiautomático, que permitirá que os electrodomésticos busquen a mellor hora dentro dunhas franxas marcadas polo usuario. O problema que atopa este aparellador para o desenvolvemento do proxecto é de financiamento, se ben uns 30.000 euros permitirían obter o apoio técnico para perfeccionar o prototipo.

energy-web

Cal sería o custo para o usuario? Uns 30 euros para adquirir o Energyatyco e uns 15 euros máis para comprar un lote de enchufes remotos, importe conxunto que quedaría amortizado en dous meses. José Manuel Lourido aspira a obter apoio para desenvolver este dispositivo, que permitiría variar os horarios de consumo dos fogares aportando unha curva máis homoxénea da demanda eléctrica. Deste xeito, evitaríase a compra desta enerxía a tan altos prezos.

E logo, qué pensas?