AliciaG

Entroideiro ou besta?: a contundente e directa campaña contra as agresións sexuais no Entroido

0

O entroideiro é unha persoa á que lle gustan as entroidadas e o Entroido e que goza dunha festa tan marabillosa como esta. A besta  é o acosador e agresor sexual que se comparta como tal. E ti que es? Entroideiro ou besta?

Esta é a clara e directa disxuntiva que expón a campaña contra as agresións sexuais no Entroido lanzada por tres empresas de Ourense dirixidas por dúas mulleres e un home cunha estreita relación co Entroido polos seus vínculos con Xinzo.

A idea, explica un dos seus promotores, xurdiu nun bar (bares, que lugares…., tamén para a inspiración), tomando uns viños. “Alguén lembrou que o ano pasado se produciran varias denuncias en concellos da provincia con gran tradición entroideira. Ante esta realidade, e vendo que non existía ningunha campaña específica, decidimos pensar e deseñar unha para poñela a disposición de quen quixese adherirse a ela, compartila ou difundila. Porque dende a inicitiva privada, incluso sen axudas das institucións, pois nunca as pretendemos nin solicitamos, tamén se poden facer cousas. E a verdade é que a campaña está funcionando moi ben”.

A iniciativa, sen ánimo de lucro e financiada polos seus promotores (Red Talento Consultoras, Vai Vai Mr Can e RedCO3: Contenidos, Comunicación, Consultoría), xorde ante a máis que indignante escalada de actos sexistas producidos en grandes eventos que, amparada en contornas festivas e con situacións de excesos, leva tempo converténdose nunha importante reivindicación social. O obxectivo é que a campaña se converta nunha iniciativa cidadá á que se sumen o maior número posible de persoas e institucións para acadar así o illamento, repulsa e condena dos agresores sexuais.

Con esta campaña preténdese denunciar a existencia destas agresións sexistas e desnormalizar ditas violencias nun contexto festeiro como o Entroido, apoiando a súa identificación, a súa visibilización e, loxicamente, o seu combate.

“Espéranse miles de persoas no Entroido galego, moi especialmente na provincia de Ourense (Xinzo, Verín, Laza, Ourense…) pero tamén no resto de Galicia. Agárdanse, coma cada ano, importantes aglomeracións con notoria presencia de alcohol e outras drogas que, como xa se sinalou, propician ataques ás mulleres e sistematizan a falsa idea de que no Entroido todo vale e todo está permitido”, explica unha das impulsoras da iniciativa.

O meu NON é o teu NON. Entroideiro ou besta?

Este é o lema da campaña. Directo e claro. Dirixido aos abusadores, busca igualmente a complicidade dos demais homes. Que eles mesmos entendan a mensaxe do que significa que una muller responda non. Que eles mesmos elixan entre ser un entroideiro, persoa que goza dunha festa marabillosa e libre, ou comportarse coma unha besta.

A besta é o acosador. O entroideiro é unha persoa á que lle gustan as entroidadas e o Entroido.

Esta é a dicotomía. Cada quen elixe, pero sabendo que nos terá a todos os demais en fronte, denunciando, condenando, repudiando.

“Pedimos pois un Entroido que respecte as mulleres, a súa integridade e á súa seguridade nun ambiente, obviamente, de gran festa e diversión”, explican.

A campaña espera ser compartida nas redes sociais con hastag #EntroideiroouBesta

 

 

 

E logo, qué pensas?