AliciaG

Este é o ‘top-ten’ comentado da canción protesta galega: unha xoia para escoitar, compartir e gardar

0

Bob Dylan ou Joan Baez nos Estados Unidos; Víctor Jara, Silvio Rodríguez ou Mercedes Sosa en América Latina; Edith Piaf ou Jacques Brel en Francia; Paco Ibáñez, Raimón ou Lluís Llach en España. Todos eles primeiro nos seus países e logo no mundo enteiro, son referentes da canción protesta que xorde nos anos 60 e 70 para combater a situación política e social en cada un dos seus países.

E en Galicia? Pois tamén a houbo e aglutinouse no colectivo Voces Ceibes, formado por Benedicto García Villar, Xavier González del Valle, Guillermo Rojo, Vicente Araguas, Xerardo Moscoso e Miro Casabella e aos que nos anos 70 se sumarían Bibiano Morón e Suso Vaamonde.  A canción protesta galega é precisamente o tema da tese da ourensá Sheila Fernández Conde, dirixida polo catedrático Carlos Villanueva Abelairas.

Coa súa axuda publicamos a continuación o que podería ser o ‘top-ten’ da canción protesta galega, que inclúe o son (en moi boa calidade) e un comentario da autora da tese en que explica o motivo da inclusión de cada tema nesta lista. A selección é unha pequena xoia que merece a pena ser escoitada e, sobre todo, compartida e conservada.

Neste repertorio, que é todo un documento histórico de gran valor,  hai un pouco de todo: cancións sobre a Guerra Civil e os seus efectos, sobre os agravios a Galicia, referencias a Luther King e o racismo, a morte dos obreiros Amador e Daniel en Ferrol, á caída de Franco como si fora a caída da dentadura dun can de palleiro, cancións intimistas, desgarradoras… O dito, unha delicia de gran valor histórico.

1. GUILLERMO ROJO, “A VÓS IRMÁNS”, publicada en 1968 no Lp Guillermo, por Edigsa (Galaxia).

“A peculiaridade da canción protesta galega é que é quen de presentarse como fonte de coñecemento histórico da realidade galega nas décadas en que está vixente. Neste caso, Guillermo Rojo presenta unha canción, nun ton conciliador, dun dos grandes temas deste contexto: a Guerra civil e os seus efectos, e a necesidade de superar os rancores”.

2. MIRO CASABELLA, “TI, GALIZA”, publicada en 1968, no Lp Miro canta as súas cancións, Edigsa (Xistral).

Unha das cancións en que mellor se pode apreciar a reivindicación que se fai de Galicia como suxeito colectivo facendo referencia ós distintos agravios nos que se veu envolvida coas políticas do réxime”.

3. XAVIER GONZÁLEZ DEL VALLE, “LONGA NOITE DE PEDRA”, publicada en 1968, no Lp  Xavier, Edigsa (Xistral).

“Xavier é un dos grandes musicadores dunha figura fundamental tanto para a canción protesta como para a cultura galega en xeral, Celso Emilio Ferreiro. Poesía e canción conforman unha dualidade de reciprocidade na cal a música se ve beneficiada de textos de gran calidade, e a poesía consegue chegar, socialmente, a público que doutra maneira sería moi complexo, entendo os anos ditatoriais en que se teñen que desenvolver as relacións culturais”.

4. XERARDO MOSCOSO, “REQUIEM II”, publicada en 1968, no Lp Xerardo Moscoso, Edigsa (Xistral).

“A canción protesta galega ten un forte compoñente local, fundamentalmente porque a íntima relación que a emparella co contexto no que xurde fai que sexa Galicia a destinataria da practicamente totalidade das reivindicacións. Sen embargo, aparecen pequenos exemplos que verifican a solidariedade e preocupación polos acontecementos mundiais que estoupan na sociedade dos sesenta. Un exemplo é esta canción de Xerardo con referencias a Martin Luther King e os problemas do racismo”.

5. VICENTE ARAGUAS, “POEMA TRISTE”, publicado en 1968 no Lp Vicente, Edigsa (Xistral).

“Vicente, o cantautor amplamente coñecido polo seu tema “O Camaleón” é a quen debemos a primeira canción intimista do repertorio da canción protesta galega. Canción que se ve envolvida nun mar de criticas por aqueles que opinan que a canción protesta debe ter un papel de intervención directa nos problemas sociais, esquecendo un pouco esa parte íntima da existencia social. Pasados os primeiros anos de experiencia da canción protesta, e no seu propio rebulir interno, chega nos setenta a introducer este tipo de canción no seu repertorio”.

6. BIBIANO MORÓN, “AMADOR E DANIEL”, publicado en 1976, no disco Benedicto e Bibiano (en directo), Fonoteca 92.

“Unha das cancións máis desgarradoras, que esteticamente trata de plasmar, a través de importantes innovacións como a introdución da guitarra eléctrica, a anguria do texto relatado.

Amador e Daniel conta a historia dos dous obreiros da fábrica Bazán de Ferrol que eran asasinados no contexto da loita polos seus dereitos do convenio colectivo. Ambos responsables do Comité local de CC OO e militantes do PC, morrían nunha manifestación que a policía armada truncaba a ritmo de porras, metralletas e pistolas. A transcendencia dos feitos fixo que o 10 de marzo quedase instaurado como o día da clase obreira galega dende o ano 2006″.

7. BIBIANO MORÓN, “O CAN” OU “CAN DE PALLEIRO”, publicada en 1976 no disco Estamos chegando ao mar.

“Unha das cancións mais emblemáticas e recoñecibles da época. Realiza unha metáfora da caída do réxime franquista a través da historia dun can de palleiro que “ve caer a súa dentadura”. Este tipo de recursos estilístico textuais, estas codificacións, era empregadas para librar a censura previa. Xa durante os recitais o público, habilmente, cambiaba a palabra dentadura por ditadura, dándolle o verdadeiro sentido”.

8. BENEDICTO GARCÍA VILLAR, “NOSA SEÑORA DA GUÍA”, gravación en directo, ano 1976, no disco Benedicto e Bibiano (En directo), Fonoteca 92.


“Esta canción é un claro exemplo de como os cantautores, que nos seus primeiros anos optan por estilo que esteticamente resulta mais alleo á cultura popular galega, e que bebe fundamentalmente das fontes cataláns da Nova Cançó, consegue reatoparse co folclore sen deixar de presentar actitudes reivindicativas.

E interesante a alusión que neste tema Benedicto fai á Revoluçóm dos Cravos portuguesa: “Hai un caravel vermello no fusil do militare”. Na gravación en directo podemos apreciar o recoñecemento do público da alusión, nun contexto, o galego, onde o abril portugués e a figura de José Afonso sempre tiveron unha acollida especial”.

9. SUSO VAAMONDE, “UAH!”, publicada en  1973, no dico Loitando, IB.

“Unha das cancións mais significativas da historia vital dunha das grandes voces da canción galega. Nun recital en Pontevedra, o 3 de xuño de 1979, dentro dunhas Xornadas en contra da enerxía nuclear, Suso introduce unha estrofa nova no seu coñecido tema Uha!: “Cando me falan de España/sempre teño unha disputa/si é que España é miña nai/eu son un fillo de puta”. As consecuencias son unha sentenza condenatoria de cadea. Logo dun pequeno exilio, Suso entrégase no ano 1984. Tras 46 días no cárcere de Ourense, un indulto a petición de Felipe González e o seu compañeiro de andainas Xaime Barreiro Gil “Chuspe”, libérao definitivamente”.

10. FUXAN OS VENTOS, “FUXAN OS VENTOS”, publicada en 1976 no disco Fuxan os Ventos, Philips.

“O panorama dos cantautores complétase a mediados dos setenta con agrupacións onde a reivindicación social respira un profundo aire popular. A introdución do folklore outorga unha nova perspectiva na canción, de corte mais identidario. Esta canción, a primeira do grupo, é un claro exemplo entre a nova estética musical exposta onde reivindicacións, fundamentalmente ruralistas, se nutren dos elementos mais enraizados da música popular”.

 

 

E logo, qué pensas?