AliciaG

Este venres ás oito e dous minutos da tarde estragarás a túa dieta… e sábelo!

0

É posible que aínda non o saibas, pero estás a piques de estragar un dos teus bos propósitos para este novo ano. Será en cuestión de horas. Concretamente mañá, venres, un par de minutos despois das oito da tarde. E entón acabouse. O esforzo de toda unha semana tirado pola borda.
Pero empecemos polo principio.
Deixamos atrás un carrusel de festas, dende Noiteboa a Reis, pasando por fin de ano. Entre 15 e 20 días de comidas e ceas, doces, copas… cos amigos, coa familia, cos compañeiros de traballo…
Resumindo: á parte dos agasallos, entre os Reis Magos e Papa Noel trouxéronnos a todos, de media, entre 2 e 5 quilos máis, segundo se desprende dun estudio feito polo grupo NC Salud entre 200.000 persoas ao longo de cinco anos. No caso dos homes, o incremento medio de peso está nos 4,3 quilos, que baixa ata os 1,8 no caso das mulleres.
Non é de estrañar, polo tanto, que uno dos primeiros propósito do ano, pasados os Reis, fose desprendernos de todos eses quilos. Pois ben, segundo outro estudio, este da marca de suplementos dietéticos Forza Suplements, un 47% dos que se fixeron tal propósito van sucumbir mañá, pasados un par de minutos das 20:00 horas, cando como todos os venres nos xuntemos (moitos por primeira vez despois das festas) cos nosos amigos de sempre e tomemos os primeiros viños/cervexas con eles.
E aí está a novidade do estudo: ponlle data ao momento xusto en que a maioría dos que decidimos baixar eses quilos de máis imos sucumbir. “O primeiro venres despois das últimas celebracións”, di. É dicir, mañá. E ponlle incluso ata hora: as 20:02, que se corresponde coa hora do segundo viño, cervexa ou o que sexa, que agora si, chegará acompañado dalgún aperitivo tipo patacas fritidas ou olivas. A nosa perdición! E sabémolo! Pero sucumbimos.
As primeiras alarmas saltarán un anaco antes, entre as seis e media e as oito, di o estudo. Aí estaremos tomando a primeira copa cos amigos, convencidos de que por unha non pasará nada. E seguro que non pasaría nada… se non houbese unha segunda.
Ás oito e dous minutos estaremos xusto no momento crítico, fatídico, cando se presenta o gran dilema: segunda copa ou unha retirada a tempo para preservar a dieta? Pois resulta que o 47% optará pola segunda copa, e entón si que pasará algo: con ela chegarán os aperitivos e ao final da noite o medio quilo de peso baixado durante os días previos. Fin da dieta.
Así que ollo, se non queres figurar entre o 47% das persoas que abandona a dieta aos 8 días de empezala,  o primeiro venres despois das festas e por culpa dese primeiro viño cos amigos, busca onde meterte mañá as 20:02 da tarde, lonxe deles… e das zonas de viños. Iso, ou ármate ata os dentes de forza de vontade para brindar con auga.
Claro que este, aínda que o maioritario, non é o único motivo polo que deixamos as dietas que sistematicamente empezamos tras as festas de Nadal. Segundo o estudo do que estamos a falar, un 24% faino porque a costa de xaneiro, a volta ao traballo, os días máis curtos e o mal tempo nos amargan e deprimen. Un 18% porque a roupa de inverno o tapa todo… así que para que amolarse. Un 16% deixa a dieta porque o fixo a persoa próxima que tamén a empezara ao mesmo tempo. E o 14% restante porque sucumbe ante un apetitoso aperitivo, ben ante a tele ou na barra de algún bar.
Non pasa nada. Podemos volver intetalo. De feito, os que collen quilos en Nadal tardan de media entre un mes e dous meses en medio en perdelo.
Así que, ánimo.

Brindis con cerveza

E logo, qué pensas?