AliciaG

Estrea mundial da longametraxe ‘Paisaxes da Capelada’ no festival DocumentaMadrid

0

“O granito negro da serra da Capelada formouse na Época Precámbrica, a partir de magma, hai 1.160 millóns de anos. As rochas permaneceron a grande profundidade ata que Panxea se fracturou, hai 200 millóns de anos, producindo uns cantís de 600 metros de altura. O Homo sapiens sapiens apareceu na Terra hai 200.000 anos”.

Son as palabras coas que Alberto Lobelle presenta a longametraxe documental ‘Paisaxes da Capelada’, un traballo en que falan a paisaxe, o mar, a terra e as persoas que habitan este lugar. Trátase da Serra da Capelada, situada entre Cedeira e Cabo Ortegal. E este foi o escenario do traballo dirixido por Lobelle, cuxa estrea mundial será en DocumentaMadrid 2017, no Festival Internacional de Cine Documental de Madrid, que se celebra entre o 4 e o 14 de maio.

Segundo informa Playtime Audiovisuales –a distribuidora do filme– no seu sitio web, as proxeccións previstas en Cineteca Madrid de ‘Paisaxes na Capelada’ serán o martes, 9 de maio, ás 22:00 horas e o mércores, 10, ás 17:00 horas. E con elas, será a estrea mundial do filme, que compite na categoría de longametraxe xunto con outros oito traballos.

A obra de Alberto Lobelle foi seleccionada para o certame de entre 1.700 películas, o que xa é un éxito. Agora, toca esperar para saber se esta longametraxe gravada na serra que conta co cantil máis alto da Europa continental vén de volta a Galicia con premio.

E logo, qué pensas?