AliciaG

Os catro expedientes ovni galegos investigados polo Estado Maior e agochados durante anos (documentos no interior)

0

Talvez cos ovnis pase o mesmo que coas meigas, que un pode crer ou non neles pero habelos, hainos. Iso mesmo debeu de pensar o exército, que durante anos analizou e mantivo clasificados como confidenciais e reservados catro avistamentos de algo parecido a pratos voantes, obxectos voadores ou, cando menos, fenómenos estraños, todos eles en Galicia.

Son os coñecidos como Expedientes Ovni, dos cales 4 tiveron lugar en Galicia, concretamente en Noia (2 cunha diferenza de 4 anos), Ferrol e nun punto entre Becerreá e Lugo. Todos eles chegaron ata a división de Intelixencia do Estado Maior, que foi quen se encargou de documentalos. Nada de bromas, polo tanto.

Os expedientes ovni galegos forman parte dun total de 80 que suman 1.900 páxinas en que se dá conta de fenómenos estraños ocorridos no espazo aéreo español e en que interveñen, dun xeito ou doutro, persoal ou material do Exército do Aire. Todos eles, tamén os casos galegos, foron desclasificados nos anos 1996 e 1993, aínda que os máis antigos databan dos anos 1966 e 1969. O máis recente tivo lugar no ano 1993, en Noia, fai 21 anos. Pero vaiamos con cada un deles.

Ferrol. 2 de abril de 1966. Expediente número 660402. Desclasificado o 24 de maio de 1993.

O avistamento tivo lugar as 23:30 horas, cando un cabo primeiro, un celador e dous mariñeiros observaron un “obxecto voluminoso de luz opaca que varía de forma cada 5 minutos”. Foi situado á esquerda de Monte Campelo. No expediente achégase unha foto (moi escura) e un debuxo explicativo. Segundo se detalla no expediente, “a carencia dos datos máis elementais impide aventurar calquera tipo de hipótese sobre a súa posible explicación”.

Entre Becerreá e Lugo. 2 de abril de 1969. Expediente número 609402. Desclasificado o 30 de abril de 1993.

No quilómetro 476 da estrada Madrid-Ferrol, entre Becerreá e Lugo, di textualmente o documento, “unha testemuña observa desde o seu automóbil un obxecto en forma de bala, de 2 metros de diámetro e entre 5 e 6 de lonxitude”. E engade: “A superficie estaba composta de escamas (gres) de múltiples cores e iluminada de xeito estraña. O obxecto estaba inmóbil e a unha altura próxima ao chan”.

A investigación especulou con que puidese tratarse dunha ilusión óptica provocada polo reflexo do sol na rocha granítica, moi abundante na zona, aínda que sen descartar “a posibilidade de que as apreciacións da testemuña foran obxectivas e exactas”.

Noia. 5 de decembro de 1989. Expediente número 891205. Desclasificado o 20 setembro de 1996.

O expediente ábrese a partir do informe dun brigada do escuadrón EVA-10, con base en Noia, no que sen deixar lugar a dúbida  informa da presenza dun ovni entre Santiago e A Coruña, as 18:50 dese día. Defíneo como un obxecto “de forma lenticular que navega a pouca velocidade e ten unha grande aparatosidade de luces con tons brillantes que cambian”. Segue detallando que as 20:00 horas “disparáronse as frecuencias de radio, producíndose transferencias e embrollo”. E que 40 minutos máis tarde foron detectados “tres obxectos a diferentes niveis de voo”. Avisaron as aeronaves civís próximas ao ovni para unha confirmación visual, pero non obtiveron resultado.

Noia. 23 de novembro de 1993. Expediente número 01-MACEN-93. Desclasificado o 24 de outubro de 1996.

Neste caso foron cinco as persoas que asistiron ao fenómeno, todos eles militares, incluído o tenente coronel que estaba ao fronte do escuadrón EVA-10. Ocorreu catro anos despois do anterior avistamento na mesma base. O tenente coronel describiuno así: “traza visual formada por un núcleo de cor verde e unha estela en ignición de cor branca amarelada que foi vista ás 8:15 dende o control de entrada ao EVA 10”. Non se descartou que puidera tratarse dun meteorito.

Captura de pantalla 2018-02-19 a las 22.05.28

 

 

 

 

 

Captura de pantalla 2018-02-19 a las 11.58.28

 Captura de pantalla 2018-02-20 a las 0.00.04Captura de pantalla 2018-02-19 a las 23.58.12Captura de pantalla 2018-02-19 a las 23.54.52Captura de pantalla 2018-02-19 a las 23.54.36

E logo, qué pensas?