AliciaG

Fumar non está de moda!

0

O tabaco non está de moda. Quedaron atrás épocas nas que se introducía na mente de todos a través de figuras públicas e atractivas que nos trasladaban unha imaxe de sofisticación detrás de cada calada. Hoxe, a palabra tabaco acostuma ir asociada con cuestións sanitarias, polo mal que ocasiona na vida das persoas. Non é raro, tendo en conta que é a primeira causa de enfermidade evitable e de morte prematura. Xa dende un punto de vista máis superficial, tamén acelera o envellecemento, elemento que tampouco axuda ao tabaco a ter unha boa carta de presentación.

Por estas razóns, e porque o 31 de maio se celebra o Día Mundial sen Tabaco, queremos sumarnos a esta data recordando dez boas razóns que recomendan deixar de fumar. Imos aló!

  1. O tabaco afecta directamente ao noso benestar. Non só resta anos de vida, senón que ademais reduce a calidade de vida dos fumadores.
  2. Cada ano morren máis de 6 millóns de persoas en todo o mundo por problemas directamente relacionados co consumo de tabaco.
  3. Deixar de fumar supón melloras físicas inmediatas, e xa aos 20 minutos de diminúe o ritmo cardíaco e baixa a tensión arterial. En só 12 horas, o nivel de monóxido de carbono en sangue diminúe ata valores normais, a partir da segunda semana sen tabaco, vai mellorando a circulación sanguínea e aumenta a función pulmonar.
  4. Os fumadores teñen máis probabilidades de desenvolver un cancro en case calquera parte do corpo.
  5. Deixar de fumar diminúe a probabilidade de sufrir impotencia, de ter dificultades para quedar embarazada, de ter partos prematuros, e de abortos.
  6. Fumar ten un efecto directo na nosa pel e favorece a aparición de engurras e o envellecemento.
  7. O lema da Organización Mundial da Saúde (OMS)  para este Día Mundial sen Tabaco 2017 é: ‘O tabaco, unha ameaza para o desenvolvemento’. É así porque ademais de afectar á vida das persoas, ten consecuencias negativas para o medio ambiente e os cultivos, e empobrece ás familias.
  8. Os fumadores teñen tres veces máis risco de padecer un trastorno de corazón que o resto da poboación, é causa do 90% dos casos de EPOC e pode xerar e/ou agravar outras enfermidades.
  9. Reduce a nosa expectativa de vida en ata unha década.
  10. Fumar é caro. Unha persoa que consuma 20 cigarros ao día, gasta en torno a 1.600 euros cada ano en tabaco.

Por saúde, por estado físico, por axudar ao desenvolvemento ou polo que aforramos, dicir adeus ao tabaco sempre é unha boa opción!

E logo, qué pensas?