AliciaG

Galicia desprega a alfombra vermella: Santiago, Ourense, Noia…

0

Coa chegada do outono, Galicia vístese de gala para acoller algúns dos máis prestixiosos festivais de cine nas súas cidades. Santiago de Compostela, Ourense ou Noia son algunhas das vilas galegas que acollerán durante este outono citas que todo cinéfilo non se debe perder.

O Festival Curtocircuíto, na capital galega, é a primeira parada desta viaxe polo mellor do cinema actual. Este festival, que celebra a súa décimo terceira edición, céntrase naquelas cintas de menor duración, as curtametraxes, pílulas de fotogramas que, malia a súa curta duración, producen no espectador sensacións que difícilmente viviría doutra maneira.

O festival, que se estivo a celebrar durante esta semana en diferentes puntos de Compostela e que xa remata, divídese en catro seccións oficiais: Radar (http://curtocircuito.org/programacion/), onde atopamos  unha selección internacional de títulos, tanto de directores coñecidos como de novos realizadores, algunhas das cales xa foron premiadas en festivais internacionais e que se estrearon por primeira vez en España; Plantea Gz, adicada ao produto autóctono; Penínsulas, para aquelas curtas españolas, e cuxa ganadora estará directamente calificada para os Premios Goya; e por último Explora, unha sección dedicada ás novas narrativas cinematográficas.

Ademais, Curtocircuíto contou cunha amplia programación paralela, desde mesas redondas ata concertos, que complementaron a unha xa de por si atractiva oferta que podes consultar na seguinte ligazón: http://curtocircuito.org/

O listón da programación cinematográfica collerao Ourense. Na cidade das Burgas terá lugar entre o 28 de outubro e o 5 de novembro a 21ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, tamén coñecido como OUFF (Ourense Film Festival), unha cita consolidada a nivel internacional.

Para esta edición o festival conta coa dirección do asturiano Fran Gayo, que anteriormente dirixiu o Festival de Cine FicXixón e o BAFICI de Bos Aires. Durante os oito días de programación os asistentes poderán gozar dunha amplia programación, tanto cinematográfica como lúdica. O grande atractivo para esta edición será a presenza do director porteño Hugo Santiago, do que se prexectarán tres películas: Invasión (1969), El cielo del centauro (2015), que se estrea en España, e El teorema de Santiago (2015). O pistoletazo de saída do festival será o documental Santoalla, ópera prima dos cineastas Andrew Becker e Daniel Mehrer. Podes atopar máis información do festival na súa web (http://www.ouff.org/gl/).

 

Por último, a vila costeira de Noia vestirá as súas mellores galas para acoller a 17º edición da súa Mostra de Curtas. O festival, que terá lugar entre o 22 e o 29 de outubro, acaba de anunciar que recibiu máis de 1.300 curtas para a sección oficial, procedentes de máis de 50 países, entre eles Timor Oriental, Kazaxistán ou Turquía. Quedamos á espera de saber cales serán finalmente as seleccionados para poder disfrutar dunha semana dedicada única e exclusivamente a estas cápsulas cinematográficas de non máis de 20 minutos de duración.

A foto do artigo corresponde á anterior edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.

 

 

 

E logo, qué pensas?