AliciaG

Como ver canta xente hai en Galicia, España e ata no mundo cos teus “oito apelidos”… galegos ou non

0

@XCarballo

Gabilondo, Urdangarin, Zubizarreta, Arguiñano, y por parte de ama, Igartiguru, Erentxu, Otegui…  y Clemente”.  Este é o recital de apelidos co que Antxon (Dani Rovira) quixo  convencer o seu futuro sogro (Karra Elejalde) de que era un abertzale de pura cepa en  “Oito apelidos vascos”, aínda que en realidade Clemente non fora vasco “ni pa Dios”, como lle fixo saber Elejalde.

Máis nunha futura e improbable “Oito apelidos galegos”, Dani Rovira tería un amplo abano de apelidos para elixir sen necesidade de ter que recorrer a ningún que non fose galego “ni pa Dios”. E seguro que estaría máis familiarizado coa maioría, pois hoxe son centos os apelidos galegos que están ciscallados por España e polo mundo.

Podería arranxar a situación con, por exemplo: “Carballo, Puga, Castro, Seara, e por parte de nai, Taboada, Vigo, Méndez e Gallego”, este último unha versión castelanizada de Galego, pero cuxa orixe estaría tamén en Galicia. Pero poderían ser estes ou calquera outro dos case 3.500 apelidos  que o portal Apelidos de Galicia ten identificados como galegos: 1.555 con posible orixe na Coruña;  586 en Lugo; 442 en Ourense, e 913 en Pontevedra.

Manexando a información deste portal e combinándoa coa do Instituto Nacional de Estatística, a do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e mais a da web gratuíta Forebears.io, atopamos diferenzas notables entre os apelidos vascos elixidos por Antxon e os galegos escollidos para esa futurible “Oito apelidos galegos” que probablemente nunca chegue ás salas de cine.

Pero  vaiamos ao gran.  Se collemos os apelidos vascos recitados por Antxon e os pasamos polo filtro do INE resulta que en todos os casos a maior concentración de persoas que os portan están en Euskadi. Só no caso de  Gabilondo hai máis persoas con ese apelido fóra desa  comunidade , pero tan lonxe de España que para dar con elas hai que ir ata México.

Coa maioría dos apelidos galegos elixidos para esta entrada ocorre xustamente o contrario. Hai máis persoas que os levan no resto de España e no mundo que en Galicia. Para comprobalo, collemos como exemplo un indubidablemente galego: Carballo.

Pois ben, cando lle seguimos o rastro atopámonos con que en España hai, segundo o INE, 32.390 persoas apelidadas Carballo, ben como primeiro apelido, segundo ou incluso con ambos. Delas, só 9.983 están Galicia (2.456 na Coruña, 1.424 en Lugo, 2.124 en Ourense e 3.969 en Pontevedra). É dicir, por mor da emigración, un apelido tan inequivocamente galego como Carballo é hoxe máis frecuente en Santa Cruz de Tenerife, por exemplo, ca en calquera das provincias galega. E igualmente, da mesma pescuda  resulta que só están en Galicia un 30% das persoas que levan hoxe o apelido Carballo en España.

O mesmo pasa con Puga, Vigo, Gallego (140.500 persoas en toda España apelidadas Gallego e so 6.087 en Galicia), Méndez ou Castro, por citar só algúns. Noutros casos, como os dos patronímicos Taboada, Nóvoa, Seara, Pulpeiro ou Bouzada,  o INE practicamente iguala o número de persoas que os levan estando en Galicia cos que o fan no resto de España. A explicación volve ser a mesma, a emigración.

Pero se levantamos a vista, os resultados poden ser incluso mais sorprendentes. Vaiamos para iso á web Forevears.io, que acumula información sobre 11 millóns de apelidos, e fagamos agora as pescudas a nivel planetario. Antes un matiz: mentres o INE contabiliza as persoas que teñen un determinado nome como primeiro apelido, segundo e incluso as que o teñen como primeiro e segundo, Forebears.io  so contabiliza un apelido, o primeiro, de xeito que as cifras non coinciden coas do INE. En realidade, Forevears  reduce o resultado das procuras a metade con relación ao INE, ao non  ter en conta os segundos apelidos.

Buscamos agora Carballo en Forebears. O resultado é que hai 114.412 persoas con este apelido no mundo: 21.043 en México, 18.993 na Arxentina e 16.483 en España. É dicir, xa non é só que haxa máis persoas cun apelido tan galego como Carballo no resto de España que en Galicia, senón que en México e na Arxentina hai xa máis que en toda España.  E ocorre exactamente o mesmo co resto de apelidos manexados para este post. Así, o lugar do mundo onde hai máis persoas apelidadas Gallego é en Colombia, ocupando España o segundo lugar. E hai máis  persoas co apelido Puga en México e no Brasil que en España, e máis Nóvoa en Colombia, Chile, México e no Perú que en toda a Península Ibérica.

Mención á parte merecen apelidos como Piñeiro ou Castro, tamén de evidente orixe galega e que están aínda mais ciscados ca os anteriores. Hoxe atopamos máis  persoas co apelido Piñeiro na Arxentina, nos Estados Unidos, Cuba, México, Venezuela, Porto Rico e no Brasil ca en España. E en canto a Castro, o lugar do mundo onde máis hai é curiosamente O Brasil, seguido de México, dos Estados Unidos, Colombia, O Perú e España, xa en sétimo lugar.

E así poderiamos seguir indefinidamente. Se como recolle a web Apelidos de Galicia, os apelidos nos foron transmitidos ao longo dos séculos como sinal identitario e forman parte do noso patrimonio familiar e cultural, o certo é que hoxe o patrimonio cultural galego está esparcido polo mundo coma poucos. E as familias galegas, tamén.

A profesora Ana Boullón, titular do departamento de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, explica no vídeo da TVG  que o nivel de espallamento dos apelidos galegos polo mundo non é outra que a emigración masiva durante décadas, e especialmente o interior e cara a América.

Páxinas webs:

Conxugando estas catro ferramentas pedemos pescudar non só a orixe e frecuencia de miles de apelidos, senón tamén cantas persoas teñen o noso mesmo apelido en cada concello de Galicia, nas catro provincias, en calquera provincia de España, no total do país e ata no mundo.

  • Apelidos de Galicia: Información sobre apelidos de Galicia, tanto de orixe galega coma de fóra.
  • Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG) da USC: Cartografía dos apelidos de Galicia. Ofrece información sobre o número de apelidos en cada concello. Inclue un diccionario dos apelidos de Galicia.
  • Apelidos INE: Ofrece información sobre o número de apelidos por provincia, así como o total nacional. Diferencia o número de persoas que teñen un determinado apelido como primeiro, segundo ou incluso cando coinciden ambos.
  • Surnames: Web gratuíta que cruza bases de datos para ofrecer información sobre 11 millóns de apelidos. Permite buscar o noso apelido por todo o planeta, saber con cantas persoas o compartimos en cada país ou consultar listas cos apelidos máis frecuentes en cada país.  Só contabiliza o primeiro apelido, polo que os resultados das procuras son como media a metade que no INE, con leves variacións. Por exemplo:  Segundo o INE, en España hai 2.811 persoas co apelido Penedo (entre as que o teñen de primeiro, segundo ou ambos). Segundo Forebears, hai  1.371, porque so conta as que o levan como primeiro apelido.

E logo, qué pensas?