AliciaG

Galicia, na vangarda da investigación oncolóxica

0

Misión cumprida! Galicia está xa á vangarda da investigación oncolóxica ao conseguírense os 500.000 euros que se marcou como obxectivo o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) para avanzar nos estudos sobre a biopsia líquida para combater este mal e acabar con el tal e como o coñecementos. E non só se conseguiu o obxectivo, senón que se superaron as achegas agardadas, das que falamos fai algo máis de dous meses aquí, en AliciaG.

Hoxe, 90 días despois do inicio da campaña, o equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) -promotor desta campaña de mecenado-, dá as grazas ás máis de 10.000 persoas que financiaron este proxecto e admite que o respaldo ao mesmo “supera con creces as expectativas”.

E malia que remata a campaña, a investigación sobre a biopsia líquida continúa. Consiste en controlar os tumores a través do sangue, de xeito que os profesionais teñan a información necesaria para aportar o mellor fármaco para tratar cada caso. Hoxe só se emprega o 1% do potencial desta ferramenta e os resultados son óptimos, de aí a importancia de que avance esta liña investigadora para acabar co cancro.

Os galegos apoiaron con ansia esta campaña, o que permite situar a Galicia na vangarda da investigación contra o cancro e tamén como pioneira no eido do mecenado destinado á ciencia, algo pouco habitual en territorio español. Coas achegas dos galegos, o equipo investigador poderá adquirir dúas máquinas necesarias para realizar técnicas moi específicas, ademais de contratar un técnico de laboratorio e analizar máis de 400 mostras procedentes de toda Galicia.

Foron tantos os que se sumaron á #biopsialíquida, que no día de remate da campaña eran preto de 540.000 os euros recadados. Sen dúbida, un motivo para felicitar todos os galegos. Porque en temas de investigación e saúde, o retorno é para todos e todas!

E logo, qué pensas?