AliciaG

Galicia: onde a chuvia é arte e ten mais de cen nomes distintos

0

@XCarballo para Alicia G

Empeza o ano igual que ‘Mazurca para dos muertos’,  o libro máis galego de Camilo José Cela:

Llueve mansamente y sin parar, llueve sin ganas pero con una infinita paciencia, como toda la vida, llueve sobre la tierra que es del mismo color que el cielo, entre blando verde y blando gris ceniciento, y la raya del monte lleva ya mucho tiempo borrada”.

O 2016 principiou cunha chuvia perenne, sen fin, paciente como a eternidade, pertinaz. Chove con monotonía e dedicación, dabondo sobre todo e todos, como tamén describía Cela nunha das súas mellores novelas aínda que, tamén, unha das menos coñecidas e recoñecidas, ambientada en Ourense, entre os concellos de Piñor e O Carballiño durante a Guerra Civil.

“Llueve abondo sobre los pecadentos y los virtuosos, los sabidentes, los inocentes y los corrientes, nosotros, los leoneses y los portugueses, los hombres y las mujeres, los animales, los árboles y plantas y las piedras, llueve sobre la piel y los corazones y el alma, también el alma, llueve sobre las tres potencias del alma”.

Xusto así chove durante estes días en Galicia. Pero non alucinemos, en realidade chove coma sempre. Ou case sempre. Como choveu no paso do ano 2013 ao 2014, con casi 60 días de auga en dous meses. no 2001, cando polo mesmo tempo caeu auga de forma continuada durante 110 días de 125, entre outubro de ese ano e febreiro do 2002.

O que pasa é que aquí non chove de calquera maneira, porque como xa dicía  Siniestro Total estamos na terra na que a chuvia é arte e Deus botouse a descansar. Unha terra de xente vital, optimista e alegre, en que  se chove… que chova, como proclamaron aos catro ventos as catro mulleres que saían do  salón de peiteado flamantemente peiteadas no anuncio de Gadis de ano 2013.

(O post continúa despois dos vídeos)

 

Actuación de Siniestro Total cantando Miña Terra Galega.

Parte final do anuncio de Gadis “Se chove, que chova…”.

Lonxe dos tópicos, o certo é que a familiaridade dos galegos e do galego coa choiva é tal que se contabilizan máis de 100 nomes distintos para referirse a ela. A riqueza de matices é tal que existen 35 verbos distintos para indicar como chove, ademais de ditos, refráns…

O portal ogalego.eu/ogalego.gal contén unha ampla recompilación que reproducimos a continuación:

Para a chuvia fina e miúda:  1. Babuña. 2. Babuxa. 3. Barballa. 4. Barbaña. 5. Barbañeiro. 6. Barbuña.  7.  Barbuza.  8. Barrallo.  9. Barrufa.  10. Barrufo.  11. Barruñeira.  12. Barruzada.  13. Barruzo.  14. Bátega.  15. Borralla.  16. Borrallada.  17. Boubizo.  18. Breca.  19. Chuviñada.  20. Chuviñeira.  21. Chuvisca.  22. Chuviscada.  23. Froallo.  24. Lapiñeira.  25. Marmaña.  26. Mera.  27. Mexadeira.  28. Mexaparvos.  29. Mormazada morriña.  30. Morriñada. 31. Orballada.  32. Orballeira.  33. Orballiscada.  34. Orballo. 35. Parruma.  36. Parrumada.  37. Patiñeira.  38. Patumeira.  39. Poalla.  40. Poallada.  41. Poallo. 42. Poalleira.  43. Salseiro.  44. Zarapallada.  45. Zarzallo.

Para a chuvia forte: 46. Arroiada.  47. Ballón.  48. Balloada.  49. Basto.  50. Batagazo.  51. Bátega.  52. Batagón.  53. Bategada.  54. Brea.  55. Cairo.  56. Calistro.  57. Cebra.  58.  Cebrina.  59. Cebrisca.  60. Chaparrada.  61. Chubascada.  62. Chubasco.  63. Chuvieira.  64. Chuviñeira.  65. Cifra.  66. Ciobra.  67. Coriscada.  68. Corisco.  69. Decembra.  70. Diluvio.  71. Dioiva.  72. Dioivo.  73.  Idoiro.  74. Torva.  75. Torbada.  76. Torboada. 77. Torbón.  78. Treboada.  79. Trebón. 80. Treixad.  81. Xistra. 82. Zarracina.

Para a chovia con aire forte: 83. Brea.  84. Cebrina.  85. Cebrisca. 86. Chubascada. 87. Chubasco. 88. Cifra. 89. Ciobra. 90. Coriscada.  91. Corisco.

Para a chuvia con néboa: 92. Barruzo.  93. Breca. 94. Mera.  95. Salseiro.

Para a chuvia con neve xeo: 96. Auganeve.  97. Calistro.  98. Cebrina.  99. Cebrisca. 100. Coriscada.  101. Corisco.  102. Escarabana.  103. Nevada.  104. Nevarada. 105. Nevareira.  106. Nevarío.  107. Nevisca.  108. Nevarisca.  109. Pedrazo.  110. Salabreada.  111. Saraviada.  112. Torva.  113. Xistra.

Para a chuvia con raios e tronos:  114. Treboada.  115. Torboada. 116. Torbón.  117. Trebón.

VERBOS UTILIZADOS PARA INDICAR QUE CHOVE:

  1. Arroiar: chover forte e intenso.
  2. Baballar: caer chuvia miúda, fina.
  3. Babuñar: caer chuvia miúda, fina.
  4. Babuxar: caer chuvia miúda, fina.
  5. Barbañar: caer chuvia miúda, fina.
  6. Barbuñar: caer chuvia miúda, fina.
  7. Barbuzar: caer chuvia miúda, fina.
  8. Barrallar: caer chuvia miúda, fina.
  9. Barrufar: caer chuvia miúda, fina.
  10. Barruñar: caer chuvia miúda, fina e persistente.
  11. Barruzar: caer chuvia miúda, fina.
  12. Bategar: chover de xeito repentino e intenso por pouco tempo.
  13. Boubizar: orballar.
  14. Brecar: caer chuvia miúda, fina.
  15. Cebriscar: caer neve miúda con moito vento.
  16. Chorrear: chover forte e intenso.
  17. Chover: caer auga das nubes en forma de pingas.
  18. Chuviñar: caer chuvia miúda, fina.
  19. Chuviscar: caer chuvia miúda, fina.
  20. Cifrar: soar o vento e chover forte.
  21. Coriscar: chover con frío ou caer neve miúda.
  22. Decembrar: chover forte e seguido, típico de decembro.
  23. Diluviar: chover moito e seguido.
  24. Froallar: caer chuvia miúda, fina.
  25. Lapiñar: caer chuvia miúda, fina.
  26. Marcear: facer un tempo de marzo con claros e chuvias.
  27. Marmañar: caer chuvia miúda, fina.
  28. Merar: desprenderse unha chuvia moi fina da néboa mesta.
  29. Merdear: chove moi fino pero xa mollando.
  30. Orballar: caer chuvia miúda, fina.
  31. Orballiscar: orballar moi suave.
  32. Patiñar: caer chuvia miúda, fina.
  33. Poallar: caer chuvia miúda, fina.
  34. Xistrar: caer auga moi fría con neve.
  35. Zarzallar: caer chuvia miúda, fina.

 

ADXECTIVOS QUE INDICAN A FORMA DE CHOVER:

  1. Babuxado: terreo humedecido pola chuvia fina.
  2. Babuxento: tempo húmido no que chove moito.
  3. Barrucento: tempo húmido no que chove moito.
  4. Barralloso: dise do tempo en que cae chuvia miúdo.
  5. Barrucento: tempo húmido no que chove moito.
  6. Chuviñento: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia.
  7. Chuviñoso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia.
  8. Chuvioso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia.
  9. Corisqueiro: dise do tempo en que chove con frío ou cae neve miúda.
  10. Corisquento: dise do tempo en que chove con frío ou cae neve miúda.
  11. Froalleiro: dise do tempo en que cae chuvia miúda seguido.
  12. Froallento: dise do tempo en que cae chuvia miúda seguido.
  13. Morriñenta: dise da chuvia miúda e persistente.
  14. Orballento: dise do tempo en que cae unha chuvia fina e persistente.
  15. Orballisqueiro: dise do tempo en que orballa frecuentemente.
  16. Poallento: dise do tempo en que cae chuvia fina e miúda.

FRASES FEITAS PARA INDICAR QUE CHOVE MOITO:

  1. Chover a arroiar.
  2. Chover a ballón.
  3. Chover a cachón.
  4. Chover a caldeiradas
  5. Chover a canados.
  6. Chover a ceo aberto.
  7. Chover a chapuzos.
  8. Chover coma quen a envorca.
  9. Chover ás cuncas.
  10. Chover a Deus dala.
  11. Chover a Deus dar.
  12. Chover a esmadrazar.
  13. Chover a manta.
  14. Chover a mares.
  15. Chover a varrer.
  16. Chover a xerros.
  17. Chover ás canadas.
  18. Chover o mar chovido.
  19. Chove que arrepía.
  20. Chove que mete medo.

REFRÁNS: 

  1. A mera de san Xoán leva o viño e mais o pan: as néboas e orballos de finais de xuño son prexudiciais para as viñas e os cereais.
  2. Abril para ser abril ten que vir con augas mil.
  3. Abril augas mil, se non é no comezo ao medio ou á fin: sempre ha chover moito en abril.
  4. Abril frío e mollado enche o celeiro e farta o gado: moi boas colleitas.
  5. Abril quente e mollado carga o carro e engorda o gado: moi boas colleitas.
  6. Ano de chuvias, poucas madrugas: queda un na cama, non madruga.
  7. Auga de maio trae boa ano/pan para todo o ano: moi beneficiosa.
  8. Auga de mediodía, auga de todo o día: choverá todo o día.
  9. Auga de trebón nunha parte dá e noutra non: como vén forte nuns sitios estraga e noutros é beneficiosa.
  10. Auga de xaneiro, cada pinga vale diñeiro: en xaneiro pouca auga vale moito.
  11. Auga en febreiro mellor ca en xaneiro.
  12. Auga miúda, vendaval que dura: moitas veces a chuvia fina acabará en forte vendaval.
  13. Auga/chuvia de febreiro fai palleiro: boa para os cereais.
  14. Auga/chuvia mañanceira non é duradeira: cando chove moi cedo non dura.
  15. Brétemas no alto, chuvias no baixo: na cima do monte néboa e no val chuvia.
  16. Cando chove e fai vento, pecha a porta e estate dentro.
  17. Cando chove e vai sol, alegre está o pastor: medran os pastos.
  18. Cando chove e vai sol, é tempo de requeixón: moito leite de vaca.
  19. Cando chove moito, ha de escampar logo: pronto deixará de chover.
  20. Cando chove o domingo antes da misa, toda a semana vai de risa: a xente da parroquia acudía o domingo á misa ben vestida, por iso o dito.
  21. Cando non chove en febreiro, nin bo prado nin bo centeo nin bo lameiro.
  22. Cando o sol madruga, é sinal de chuvia.
  23. Chova para min abril e maio e para ti todo o ano: cando máis necesaria é a chuvia.
  24. Chuvia no mar e vento na ría, chuvia para todo o día.
  25. Chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto: mellora a colleita de mel e uvas.
  26. Chuvia por santa Lucía tolle a sardiña: chuvia polo 13 de decembro é mala.
  27. En marzo auga que non molle o rabo do gato: que chova pouco.
  28. Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro: mala colleita.
  29. Moitas augas en maio traen mal ano: non debe chover moito.
  30. Nadal mollado e xaneiro ben xeado: que chova en decembro e frío en xaneiro.
  31. No ano que moito chove o labrego traballa máis que come: é mal ano no campo.
  32. Se o gato lava a cara, é que venta enchente de auga: cando se lambe moito vai chover.
  33. Se polo san Xurxo chove de mil cereixas quedan nove: cando chove polo 23 de abril sofren as cereixas novas.

Así chovía o domingo entre Carballiño e Piñor, onde transcorre ‘Mazurca para dos muertos’, de igual xeito que no libro de Cela.

E logo, qué pensas?