AliciaG

Imos de furanchos?

0

Si, estamos en época de furanchos. Ata o 31 de xuño –como moito o 31 de xullo–, hai opción de ir de loureiro en loureiro para acabar coa colleita de viño das xentes que o fan para consumo propio e que poñen con este excedente algunhas tapas a modo de acompañamento, por iso de evitar que o viño se suba de mais.Destacada

É toda unha tradición, sobre todo na provincia de Pontevedra, acudir a estes lugares, normalmente espazos privados que en tempada se transforman en locais públicos nos que tomar viño sen embotellar, sacado directamente do barril. Só abren tres meses ao ano, por cuestións normativas, no momento que decidan entre decembro e xuño.

Son moitos os furanchos que se poden atopar na xeografía galega, pero en ocasións chegar a eles require bo coñecemento do territorio. Por iso, o mellor para unha primeira incursión neste mundo é ir con algún furancheiro da zona.

Se a opción de que nos acompañe un autóctono non é viable, existen algúns recursos na rede que permiten coñecer as opcións dispoñibles. O localizador que hai no sitio web De Furanchos, o sitio de Páxinas Galegas e Balbineitor Furancheitor aportan algunhas pistas sobre os pasos a seguir para chegar a este mundo con éxito.

Sen dúbida, unha boa escapada para coñecer esta cultura tan galega. Iso si, sentidiño! Que hai que beber con moderación e cunha gota de alcol, mellor non poñerse ao volante!

E logo, qué pensas?